10.3.11

TODO É SILENCIO. ROSALÍA - RIVAS

 Non sei se  Manuel Rivas puido pensar en Rosalía ó poñerlle o título á súa novela, seguramente xa o explicou. Tamén o salmo ó que se fai referencia na obra puido ter moito que ver.  
            O que eu penso é que hai referencias , moi claras, a un poema de Rosalía na primeira e na segunda parte da novela, e cun certo paralelismo.
            Na primeira parte (páxina 61) cando Leda Hortas tamén chamada  Nove Lúas, e Fins Malpica están xuntos na Escola dos Indianos e un “intruso”, Brinco, interrompe os abrazos e bicos da parella, podemos ler:

            Nove Lúas ten un libro nas mans. Abriuno por abrir, mais foi pasando folla a folla e hai tempo que está ensumida na lectura.
            - Que les?
            - Ten sucos de piollos,
            - E coméronlle as letras?
            - A ver, escribe!
            - Non sei. Non teño papel.
            - É igual, parvo! Escribe.Todo é silensio mudo …
            - Será silencio.
            - Pois aquí pon silensio. Por algo será.

            Sabemos que o escrito en negriña é un verso de Follas Novas. Rosalía escribiu:

Todo é silensio  mudo,
soidá,delor
onde outro tempo a dicha
sola reinou…
           
Na segunda parte (páxina 271) Leda e Fins volven estar xuntos na Escola dos Indianos e volve estar o mesmo “intruso” pero, agora, cun obxectivo diferente: matar a Fins. Hai, novamente, alusións ó verso de antes e introdúcense os termos soidade e dolor usados por Rosalía. Na novela de Rivas podemos ler:

-          Senta aí! Gustaríame que escribises unha carta para min. Sabes que nunca me chegou unha carta? 
-          Non teño nin papel.
-          Non importa. Teclea de todos os xeitos. Eu dígoche …”Querida amiga: agora que todo é silensio mudo …”
Escribiches silensio ou silencio?
-          Silensio.
-          Ben.
A Leda custáballe seguir o xogo. As espiñas das palabras na gorxa.
-          A ver. Como era? “Agora que todo é soidade, dolor…”

Na novela de Rivas coma no poema de Rosalía hai moita soidade e moita dor ,moita ambición, moita corrupción, moita morte pero tamén moita música e cine , moito lirismo e algo de esperanza …

Este libro require, ó meu ver, unha segunda lectura para chegar ó fondo do mar e non quedar na superficie, porque o mar é , tamén , un personaxe moi importante nesta historia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario