Mostrando entradas con la etiqueta Fran Alonso. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Fran Alonso. Mostrar todas las entradas

19.6.13

TINTA DE VERÁN 2013

Entrade en LECTURAS e alí atoparedes suxestións lectoras dos vosos compañeiros e do grupo lector. Hainas para os maiores e para os máis novos.

Nos carteis das aulas tamén tedes a mesma información:






Acordádevos tamén da poesía. Eu acabo de ler Cidades, de Fran Alonso, con ilustracións e fotografías do autor, e é un libro recomendado para xente a partir de 10 anos! Non o rexeitedes por consideralo un libro de poesía infantil, habédelo disfrutar. Lede a recensión crítica de Paula Fernández.

Déixovos algunha mostra do libro: 

Cinco cidades de cinza
formando pentápole.
Cinco cidades circulares.
Con cicatrices de aceite,
eran cinco cidades.
Cidades científicas.
Cidades de cine.
Cidades en cirolas.
Cidades con Cigalas.
Cidades civilizadas
coma cítaras.
Eran cincocentas cidades.
Cigotizadas.
Cimentadas.
Ciclomotorizadas.
Ciceladas.
Cibernéticas.
Cíclicas.
Cidades de ouro e cidades de prata.
Eran infindas cidades, cinguidas todas aos meus colares.


 Cando choro
fágoo sempre sobre os mapas,
para que chova enriba das cidades preferidas.
As cidades dos mapas,
aquelas que se poden percorrer
co perfil perdido da mirada,
e viaxar dunha a outra nun segundo,
abarcalas todas,
ou vivir en todas e en ningunha.
Son as cidades dos mapas,
as urbes sobre as que sempre choro
cando estou desconsolado.


Teño un amigo que dorme
nesa rúa estreita, longa e abrigada,
recollido nun portal.
Sempre o vexo deambulando
entre os coches,
entre o lixo, laranxa, das noites,
seguido dun can,
sorteando edificios onde nunca ten casa.
Él é deses que non teñen nada,
e na nada habitan e viven.

Se cadra tamén vos apetece crear no verán. Os máis pequenos podedes combinar as técnicas aprendidas en plástica, con poemiñas escritos por vós. Tamén podedes asistir ós obradoiros de poesía e rap da Biblioteca Nodal de Ourense.

Ánimo! A lectura e a creación son un bo antídoto contra o aburrimento. Feliz verán, e a ler!

28.5.12

FRAN ALONSO NO IES BLANCO AMOR DE OURENSE


Fran Alonso visitou o noso instituto o venres pasado. A actividade estaba dirixida ós alumnos de 1º de BAC que leran Cartas de amor.

Nun primeiro momento, falounos da función da literatura. El pensa que a literatura non é imprescindible pero que activa a imaxinación e que nos permite ver máis alá do que ven os nosos ollos. Segundo el, é unha arte que nos capacita para ser libres.

Explicounos que os escritores distorsionan a lingua; estiran e inchan as palabras ata o punto de que na poesía, ás veces, chegan a estoupar. 

Podedes imaxinar, máis ca ver, porque a fotagrafía é moi mala, ó autor inchando  unha palabra:



  
Falounos de Cartas de amor: da súa orixe, de que moitas historias do libro estaban baseadas na súa experiencia persoal, sen que iso o eximise dun gran labor de documentación; da fotografía da portada que foi feita en Nicaragua... Explicounos que o libro fora escrito moi lentamente e cun ton moi íntimo e moi confesional e que, se as mulleres son as protagonistas das súas historias, sono porque nas situacións difíciles son as que sempre levan a peor parte e non teñen mecanismos de defensa.

Puidemos aprender, escoitándoo, o difícil que é a profesión de escritor. Demostrounos que os textos hai que traballalos moito, ler e reler constantemente o que se escribe ata o punto de que, ás veces, as correccións cambian o sentido do texto. Mostrounos o borrador da súa nova novela con moitas correccións feitas á man:




Rematou a actividade co recitado de dous poemas do seu libro O meu gato é un poeta. Canto gañan os poemas cando os escoitamos recitados polos seus autores e co acompañamento de efectos especiais!

Grazas, moitas grazas, Fran, polo tempo que gastaches con nós.

Grazas, Mónica, pola presentación e pola asistencia ó acto, nun día no que xa non eras profesora deste Instituto.

22.4.12

NINGUÉN. FRAN ALONSO

Esta vai ser a miña forma de celebrar o día do libro.

Ninguén de Fran Alonso foi unha das miñas lecturas de Semana Santa. Hai moitos traballos feitos sobre esta obra. Vede os que cita o autor no seu Dominio Virtual e os de Revolta da Freixa e as ligazóns ás que fai referencia.

Eu quero destacar pequenas chiscadelas do autor que nos fan pensar en Cemiterio de elefantes e Cartas de amor:

A suposta Alone, protagonista de "Esperando", do libro Ninguén, fala do programa Almas Perdidas ; ela descoñecíao pero gústalle á persoa que coñeceu na rede e pola que leva esperando catro horas, acompañada de cafés e cigarrillos: Algúen que tarda tanto en aparecer nunha cita , por forza ten que ser mentiroso. Se cadra, nin sequera se chamaba S. Lonely, como dicía. Ben, tampouco ela se chamaba Alone. E con respecto ao programa de radio que lle gustaba a el, Almas perdidas, ela nin sequera o coñecía.

No conto "04.00 AM", de Cemiterio de Elefantes, ten moito protagonismo este programa e a súa locutora, Mónica: ...Unha noite máis, outra nova noite, amigos, estamos no aire para vos axudar a sobrelevar as soidades nocturnas, convosco, e coma tódalas noites, acompañándovos na voz, saúdavos , Mónica, desde Almas perdidas.

O mesmo programa escoitábao Rosi, unha personaxe da historia "12.00 AM", de Cemiterio de elefantes, cando non era quen de durmir: Os ruídos da cidade sonme estraños, afeita a tantos anos de silencio nocturno ou ó sísmico sifoneo do mar, e a alma consúmeseme pensando neses corazóns solitarios. Entón permanezo esperta ata as catro da mañá e prendo a radio para escoitar Almas perdidas.

A protagonista do conto "Confesión", de Cartas de amor, chámase Mónica e escoita o programa de radio Almas perdidas: non imaxinas cantas noites de angustia pasei, cantas noites en branco, escoitando un programa chamado Almas perdidas... Ademais a locutora chámase Mónica, igual ca min, e sentinme identificada con ela, coa súa voz esgazada, dolorida.

Sara, a protagonista da historia "Estilo de vida", de Ninguén, tenlle medo ó dentista: Inevitablemente, os medos propios eran tanxibles, urbanos, civilizados. Tíñalle medo ó dentista , por exemplo. Sempre llo tivera, mesmo antes daquela terrorífica experiencia persoal pola que pasara, cando aquela mala besta á que acudira unha noite de urxencias lle aparafusara a lingua ó padal.

Esa terrorífica experiencia de Sara xa nola contara Fran Alonso no conto "02.00 AM", de Cemiterio de elefantes: Intentou mover a lingua novamente pero non puido. Co corazón a piques de lle estourar de medo, precipitouse sobre o espello retrovisor dun coche aparcado baixo unha farola. Abriu a boca e entón descubriuno reflexado no retrovisor, grande e redondo, de rosca e metal brillante, suxeitándolle a lingua contra o fondo do padal.

Xa o dixen noutra ocasión, pero sigo pensando que nas obras de Fran Alonso hai moitas almas perdidas e moitos corazóns solitarios, moitos seres insatisfeitos, illados e cheos de medos, que desexan fuxir deles, dos ruídos, da rutina, e que queren sentirse vivos.

20.4.11

CARTAS DE AMOR. FRAN ALONSO.

Os alumnos de 1º BAC estades lendo Cartas de amor de  Fran Alonso. Consultade os enlaces e aprenderedes moito.

Lede con moita atención " Dúas palabras do autor"; nesta parte, Fran Alonso fálanos da temática da obra, dos protagonistas, das mulleres, do tempo e dos escenarios e , tamén, do porqué destes relatos.

As nove historias que aparecen a continuación son cartas cun destinatario e un remitente especificado en cada caso; dúas son correos electrónicos. Tanto as cartas como os correos están escritas por mulleres que viven ou viviron circunstancias dramáticas e que se enfrontan coa vida, en Galicia ou fóra dela. Nalgún caso é tal a desesperación da protagonista, que a carta é unha despedida da vida.

Gustaríame que investigásedes e que lésedes algo máis de Fran Alonso. A protagonista dunha das historias de Cartas de amor escoita un programa de radio chamado "Almas Perdidas"; a este programa tamén se fai referencia en Cemiterio de elefantes. A  ver se descubrides quen o escoita e quen é a locutora ; Poden coincidir nomes e personalidades nas dúas obras. 

Moitas personaxes de Cemiterio de elefantes son almas perdidas e corazóns solitarios e volven selo, ó meu parecer, as mulleres desta obra que agora ledes.

En Revolta da freixa aparece un cuestionario sobre a obra e outros enlaces de moita utilidade.

Guía didáctica de Cartas de amor.