Fran Alonso visitou o noso instituto o venres pasado. A actividade estaba dirixida ós alumnos de 1º de BAC que leran Cartas de amor.
Nun primeiro momento, falounos da función da literatura. El pensa que a literatura non é imprescindible pero que activa a imaxinación e que nos permite ver máis alá do que ven os nosos ollos. Segundo el, é unha arte que nos capacita para ser libres.
Explicounos que os escritores distorsionan a lingua; estiran e inchan as palabras ata o punto de que na poesía, ás veces, chegan a estoupar.
Podedes imaxinar, máis ca ver, porque a fotagrafía é moi mala, ó autor inchando unha palabra:
Falounos de Cartas de amor: da súa orixe, de que moitas historias do libro estaban baseadas na súa experiencia persoal, sen que iso o eximise dun gran labor de documentación; da fotografía da portada que foi feita en Nicaragua... Explicounos que o libro fora escrito moi lentamente e cun ton moi íntimo e moi confesional e que, se as mulleres son as protagonistas das súas historias, sono porque nas situacións difíciles son as que sempre levan a peor parte e non teñen mecanismos de defensa.
Puidemos aprender, escoitándoo, o difícil que é a profesión de escritor. Demostrounos que os textos hai que traballalos moito, ler e reler constantemente o que se escribe ata o punto de que, ás veces, as correccións cambian o sentido do texto. Mostrounos o borrador da súa nova novela con moitas correccións feitas á man:
Rematou a actividade co recitado de dous poemas do seu libro O meu gato é un poeta. Canto gañan os poemas cando os escoitamos recitados polos seus autores e co acompañamento de efectos especiais!
Grazas, moitas grazas, Fran, polo tempo que gastaches con nós.
Grazas, Mónica, pola presentación e pola asistencia ó acto, nun día no que xa non eras profesora deste Instituto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario