24.5.12

E TI QUEN ES? ESCRÍBEO. I

Os alumnos de primeiro ESO A, inspirándose nalgúns dos versos de Celso Emilio que aparecen na homenaxe ó autor, responderon á pregunta que se lles facía:  E ti quen es?

Vede os seus traballos, fixéronos na clase e os propios alumnos escolleron os que consideraban que podían representar a todo o curso; os que lles gustaban máis, claro. 

Eu son un paxaro
con ás de prata,
bico de aire,
que voa en liberdade.

Eu son un río
que flúe, flúe e flúe
percorrendo lugares,
enchéndoos da auga dos meus pensamentos.

Eu son unha árbore
perdida na inmensidade do bosque,
estendendo as raíces,
as raíces da vida.

Eu son a néboa
que envolve as cidades,
que invade bosques,
sempre á espera no corazón da montaña.

Eu son un mundo
de lembranzas esquecidas,
de lume frío,
de bágoas alegres.

Eu son unha ánima
que percorre o mundo, perdida,
lembrando a miña gran pena
de perder a vida.

Eu son un abismo negro
de mortes alegres,
de risas tristes,
de escuridade luminosa.

Eu son un canto
que atravesa bosques antigos,
que nunca cesa,
e que perdura na eternidade.

Eu son a voz
dun pobo inexistente,
de xente muda,
que na vida é persistente.


Daniel Alonso Lorenzo 

Eu son unha rocha
que é esmagada por outras.

Ás veces síntome como o sol
outras veces como a lúa.

Xa non sei como son, 
funme a unha vila 
onde todo é escuro
e só estou eu.

Unha pequena luz
entra no meu interior
 se es ti quen me fala.

Na vila dos mortos
xa non me encontro.

A luz  envolveume 
cando te vin nacer,
curmán meu,
cando te vin nacer,
son eu o que esmaga
as rochas.

Daniel Cordeiro Blanco


Eu  son unha sedela
que colga do fío do mundo.

Eu son unha formiguiña
comparada con esa inmensa
árbore chamada mundo.

Eu son un río sen auga,
auga sen peixes,
peixes con fame,
fame de peixes.


Thalía Albino García 

Comezamos con estes, aínda poderedes ler máis.

1 comentario:

  1. Parabéns para os poetas!.Que esta experiencia,se foi a primeira,sirva para que vos iniciedes no marabilloso mundo da poesía como creadores e atopedes gusto na súa lectura.
    A poesía axúdanos a entender ó outro e a entendernos a nós mesmos. Ademais é unha ferramenta moi interesante para apreciar o valor das palabras.Eu propoño que analicedes as vosas propias poesías e atoparedes recursos e ideas nas que ó mellor non reparastes.

    ResponderEliminar