Mostrando entradas con la etiqueta Sete caveiras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Sete caveiras. Mostrar todas las entradas

25.4.14

SETE CAVEIRAS. SIETE CALAVERAS


Sete caveiras é a última novela de Elena Gallego Abad e Siete calaveras, unha canción dun grupo de rock dos anos oitenta: La Frontera.

Esta canción foi a que a autora escolleu como "banda sonora" da súa obra. Ó ler a novela, se comparamos a letra da canción coa versión libre desa letra que figura na páxina 103, descubriremos un paralelismo significativo. Historias de vinganza en ámbolos casos, aínda que os motivos sexan distintos.



Teño que confesar que, cando lin Sete Caveiras, non asociei a cuadrilla dos Caveiras coa expresión que usamos en galego, facendo uso dun castelanismo "é un calavera" ou "son uns bos calaveras". Foi Elena Gallego quen me fixo pensar niso cando presentou a novela en Ourense. 

Caveira aparece no Dicionario da RAG co significado de "esqueleto da cabeza" pero se consultamos no Dicionario de Dicionarios, a variante calivera aparece co significado de "persoa de pouco xuízo" no dicionario de Marcial Valladares Núñez, igual ca na quinta acepción do Dicionario da RAE:  Hombre de poco juicio y asiento.

Se só digo que os sete Caveiras tiñan pouco xuízo, creo que quedo curta, pero xulgade vós mesmos.
 

5.4.14

SETE CAVEIRAS. ELENA GALLEGO ABAD


Foto de Tempo de Lecer

Asistín o Venres á presentación da novela Sete Caveiras de Elena Gallego Abad. Foi nun lugar no que eu non estou afeita a ver este tipo de acontecementos literarios. Fíxose na planta baixa do Centro Comercial Ponte Vella. Díxose alí que levar as presentacións a estes espazos contribuía a facer visible o libro, e oxalá fose así pero, en realidade, eu creo que só o vimos os que estabamos na presentación; os que deambulaban polos corredores do Centro Comercial non vin que parasen, e poderían telo feito aínda que só fose porque a mesa estaba ben adornada, cos libros da autora e cos clicks de Famobil que están presentes en tódalas presentacións, xa que teñen o seu protagonismo na historia. Botei de menos Torga, a librería na que se fixeron tantas presentacións!

Tedes información do acto en Tempo de Lecer Ourense, tamén podedes ler a entrevista que Raquel Feijóo lle fixo a Elena Gallego.

Ó principio da presentación puidemos escoitar Y bailaré sobre tu tumba, unha canción de Siniestro Total á que se fai referencia na páxina 154.


 

E tamén puidemos ver un Vídeo de presentación da novela.Déixovolo aquí:



Unha historia que a moitos vos gustará ler.