8.9.12

ANDAR Ó PIÁN

Titulo así esta entrada porque é esta a expresión que utiliza miña nai cando alguén anda  a pedir algo que non ten, ou vive a espensas doutros. Busquei a expresión e non a encontrei nos dicionarios que consultei. Se alguén que lea isto a coñece, agradeceríalle que me aportase información. No Dicionario de Dicionarios aparece Piancha co significado de pedichón, e andar á piancha co significado de andar polas portas, andar a pedir. Penso que poden ser expresións sinónimas.

Sei que moitas persoas neste momento e noutros andan ou andaron ó pián pero hoxe non quero afondar neste tema que a todos nos preocupa, quero falar de tomates; si, de tomates, lestes ben. Na miña casa sempre estabamos orgullosos dos nosos porque eran uns grandes e outros pequenos, pero carnosos, sans, abundantes e ademais ecolóxicos, non vían o sulfato. Vede os do verán pasado: 





Non sucedeu o mesmo este ano; tratámolos con moito agarimo pero seguimos sen sulfatalos, a pesar das advertencias. Eu insistía en que sempre se me deran sen sulfato, e vede o que pasou:




Vistos os resultados, dariádesvos conta de que tiven que andar ó pián. Comín tomates porque mos deron as miñas veciñas da aldea. E con sulfato! Pensarei que fago cando volva plantalos. 

Ós meus alumnos non creo que lles interese para nada o que lles pasou ós meus tomates pero, ó mellor, aprenden a expresión andar ó pián, ou estoutra que a poden aplicar ó curso que vai comezar: un ano e un pan logo se van.

Ánimo e a prepararse para comezar!

No hay comentarios:

Publicar un comentario