24.6.13

LETRAS GALEGAS 2014. XOSÉ MARÍA DÍAZ CASTRO


Xosé María Díaz Castro (1914-1990) é autor de Nimbos (1961) considerada un dos cumes da poesía galega moderna, e que contén o célebre poema "Penélope" xustamente célebre pola súa beleza e fonda reflexión sobre Galicia e o seu fado histórico.

Membro, xunto con Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro e Iglesia Alvariño entre outros, da chamada "escola mindoniense", Díaz Castro mantivo ao longo de toda a súa vida, e malia súa condición de funcionario residente en Madrid, un fondo compromiso coa cultura galega do seu tempo.

Información tomada da páxina oficial da RAG.

Ide lendo PENÉLOPE, un dos poemas máis coñecidos do autor. Tamén podedes escoitar en Son de poetas a version que fixo Aurora López do poema.

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!




Penélope por Mini e Mero.

 Nesta unidade didáctica de Nimbos podedes ler varios poemas, ata podedes intentar responder algunhas preguntas.

Déixovos unha mostra :

ESMERALDA

Herba pequerrechiña
que con medo sorrís
ó sol que vai nacendo
e morrendo sen ti,
¿ Por qué de ser pequena 
te me avergonzas ti?
O Universo sería
máis pequeno sin ti!

Sería mais pequeno o Universo sen estas plantas pequerrechiñas nas que eu me fixo moitas veces?


No hay comentarios:

Publicar un comentario