23.12.13

ACORDES NÁUFRAGOS. ANTÓN RIVEIRO COELLO


Acabo de ler Acordes náufragos. Xa vedes que o libro forma parte da biblioteca do Instituto. Son nove relatos breves escritos por Antón Riveiro Coello en distintas épocas da súa vida, e agora recompilados nesta edición de Galaxia. 

Libro de relatos, fantásticos os máis deles, enfiados pola traxedia do naufraxio e tocados case sempre pola vea amorosa e sentimental dos seus protagonistas. Textos que evocan e recrean non só feitos históricos, coma o afundimento do vapor correo Santa Isabel na ría de Arousa en 1921, senón tamén lendas do río Limia, o amor tráxico dunha santeira cubana ou mesmo os tratos dunha nena con Valle-Inclán. Relatos todos eles que ofrecen una visión imaxinativa e sensible de seres solitarios, anainados polo pano de fondo dunha música que, coma unha orquestra líquida, ergue unha voz fonda, abisal, capaz de chegar aos lugares máis ocultos dos soños. (Editorial Galaxia. Ficha do libro)


Vou deixarvos aquí un anaquiño que habemos utilizar ó traballar a descrición.

Pero non todo o mundo estaba disposto a colaborar e, ás burlas dos parvos, Lucas contestaba con indiferenza. O máis desalmado de todos era Bernardo Cabezas, un ser obeso de ollada atravesada e cabelo encrespado, dono dunha crueldade que grelaba diante da indefensión dos máis coitados. O pescozo, inchado de papada, era máis largo que a cabeza, e o resto do corpo era esférico cos matices da desproporción. O bandullo botaba por fóra das camisas, e víaselle o embigo coma un pozo entre a graxa. E por se todo isto aínda fose pouco, coxeaba, era medio birollo e acubillaba nos beizos vermellos un costurón de cempés- agasallo contundente dun cabalo, vítima dos seus maltratos- que facía que a súa voz tropezase antes de saír. Tiña ademais o vicio da augardente, e os lugares, máis ca a eles mesmos, fedían a el, ao seu cheiro pezoñento.
  O nome no espello. Páxinas 90- 91

Cando os de 1º ESO leades a descrición de Don Celidonio, personaxe de O porco de pé, de Risco (está no voso libro), habédesme dicir se os textos teñen algo en común.

No hay comentarios:

Publicar un comentario