Non tiña pensado contarvos que estou lendo Nunha presa de terra, de Paco Castro Alvaredo; regaláronmo no mes de maio. Chegáronme o mesmo día este libro e A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz, que xa lin antes.
Ó chegar á páxina 75 e ler un anaquiño, que copiarei despois, recordei unha vivencia de hai uns días e unha conversa de café con Marisa, e decidín facer esta entrada como homenaxe á miña mestra, si, a esa mestra que, despois de convencer a meus pais de que eu "servía para estudar", me preparou para o ingreso; a proba que había que superar para poder facer o bacharelato e que nos abría as portas para un mundo distinto a aquel no que viviamos.
M ª del Carmen, que así se chama a miña mestra, volveu á aldea en varias ocasións. Fíxoo este ano o día da Festa da rosquilla e vina moi emocionada; dicía sentirse orgullosa dos seus alumnos que alí estabamos. Seguímola apreciando e recoñecendo o que por nós fixo. Eran tempos moi distintos ós de hoxe!
"O papá é mesmo parte da terra, pertence á casa e á terra. Non pode admitir, por moita razón que mamá teña, nada que poña en cuestión ese vínculo. El quedou de herdeiro e os demais marcharon polo mundo. Xunto coas terras herdou tamén o sagrado deber de manter a casa. Mamá recorda con ledicia a escola e con amargura o día que a deixou, recorda a breve ilusión que o mestre Don Daniel lle puxo no corazón cando visitou ó seu pai coa intención de convencelo para que estudase a súa filla. Casou namorada do papá, mais custoulle anos asumir o seu matrimonio coa casa: el e unha parte máis da casa. Agora, mamá non acepta que os fillos sexamos tamén unha parte da casa coma el e rebelase. Coa experiencia de que a terra é unha escravitude porca e desprezada, e de que os estudos son unha franquía para mellorar e entender a vida, aínda que a vida sexa labrega, quere abrirnos as portas dunha vida mellor e eu irei estudar ao seminario porque non podemos pagar outro colexio".
Nunha presa de terra. Paco Castro Alvaredo
Don Daniel facía o mesmo que fixo Mª del Carmen e outros moitos mestres daquelas escolas unitarias, que eran os que nos animaban a que seguísemos estudando e animaban os nosos pais, que non coñecían máis mundos ca os seus, a que se sacrificasen para que nós puidésemos seguir os estudos.
Alégrame ver isto publicado. Eu adoraba a miña primeira mestra, hoxe xa falecida.
ResponderEliminarOxalá moitas persoas poidan valorar os seus mestres como nós o facemos.
ResponderEliminar