12.10.15

AGOSTO DE MEMORIA E MORTE. XOAQUÍN FERNÁNDEZ LEICEAGA



Acabo de ler Agosto de memoria e morte, de Xoaquín Fernández Leiceaga. Novela, de investigación e con moitas referencias históricas, que me gustou ler e que vos recomendo que leades.

Deixo aquí un anaquiño que podería utilizarse nas clases, e fóra delas; creo que dá para un bo debate. Son palabras pronunciadas por Avelino Hermo, un dos personaxes da novela; dillas a Santos, o policía que está investigando a morte de Cortés:

-Vouche dar un libro, que publiquei hai dous anos, sobre Noia e as súas xentes, Lembranzas de Noia, que inclúe tamén unha reprodución da foto que vimos antes, da primeira. Son pequenos artigos publicados aquí e alá ao longo dos anos. E non te estrañes. En galego, que falo acotío, cando atendo os paisanos, pois é o idioma que me é natural para facelo. E unha cultura que procede dun tronco común, o latín, desde a escuridade dos séculos pode perfectamente integrarse no crisol dunha España grande, complementando a fecunda colleita da lingua de Cervantes, se é quen de coñecer os seus límites. El Quijote ou as ecuacións diferenciais precisan dun idioma de primeira. Pero as cuestións locais ou o mundo das emocións vértense á perfección no agarimoso dialecto que falaron os devanceiros.

       Tampouco o investigador atopa motivos para comentar estas afirmacións. O galego foi para el a primeira lingua, que falaban todos na casa ou na contorna; non así na escola ou despois en Lugo, no Masculino, ou na carreira; ou na consulta do médico. Pero comparte o que lle escoitou a quen fora un dos seus profesores nunha conferencia en Santiago: "O idioma é unha ferramenta que, de modernizarse, serve para comunicalo todo." Pero quere conservar as portas abertas con Hermo. E sabe que non vai mover un anaco as pétreas conviccións que expresa. ( Páxinas 102- 103)

Dolores Vilavedra, na presentacion da novela, recomenda a lectura da mesma. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario