Desta volta tocoulle á poesía: A boca da terrra de Manuel Rivas. Deixo aquí algún poema. É ben difícil seleccionar pero, sen querelo, sempre tes preferencias.
Murmurio
Na terra escondida
Fálase unha lingua
Que chove cos pés descalzos.
O recado
Que levas hoxe, neno?
Póñame un lento afundimento,
por favor,
e un anaco de horizonte salgado.
Póñame
unha presa de ollos secos,
sen graxa de bágoa.
E póñame tamén un pouco de nada.
Un chisco de nada ben curado.
Aos mártires da liberdade, nas foxas comúns de Aranga,
na beira do río Mandeo
A boca da terra
O que se di: Comeunos a terra,
Mais eu que son a terra,
un anaco de terra,
uns metros de terra
terra dentro,
o que sinto é a súa fame,
os seus dentes buscando
as rosadas do peito,
os fíos das raíces,
a polpa do tempo,
a preada das horas podrecidas,
o urdido afumado das nubes baixas,
o pan do fusco,
o lévedo agre das sombras
na fenda das unllas,
as cachizas de lúa
na orfandade da ollada.
Eu sentín moito,
talvez coma ninguén,
esta deshora morta,
estes mortos inquietos,
o eco do berro no badalo das balas,
abrazados a min,
coa última palabra
na boca,
esa gráminea,
esa silveira,
ese óso de sabugueiro.
Coidei dos seu zapatos,
os botóns,
as fibelas,
os peites,
os seus lapis.
O pouco que tiñan,
o enxoval do escombro.
Eu non estaba preparada para isto.
Tampouco eles.
Caéronseme dento,
sen querelo.
Mais eu non son tumba.
criei a miña xente
baixo terra,
no exilio do meu ventre.
Sepulcral o voso país sepulcro,
onde o crime se paga
en recompensa
coa moeda emitida polo esquecemento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario