21.1.17

ANTÓN RIVEIRO COELLO. A FERIDA DO VENTO E CARLOS CASARES



Regaláronme polo nadal varios libros, o de Antón Riveiro Coello chegou por duplicado e houbo que cambiar un. Os meus coñecen ben as miñas preferencias!

A ferida do vento é unha obra dedicada á vila de Xinzo, á memoria de Dulce María Muíños e "á memoria dese deus estomballado nunha cadeira azul". É fácil deducir desta última frase que está dedicada, tamén, a Carlos Casares.


Que Riveiro Coello quere homenaxear a Casares e a súa narrativa xa está patente no título; A ferida do vento garda paralelismo con Vento ferido. Ademais Casares aparece como personaxe da novela:

"Sempre pensei que a marca distintiva dun escritor debía de estar no seu aspecto estrafalario, nalgunha circunstancia extravagante da súa personalidade, nalgún risco físico que expresase a diferenza. Unha melena cana, unha perilla aguzada, unhas lentes redondas, un chapeu de feltro, un pano vermello no pescozo, un bigote a xeito de dúas parénteses inversas. Mesmo cando imaxino a Homero, vexo na súa cegueira e na súa barba ondulada unha exclusividade, representativa de alguén que está educado para o gozo abstracto do mundo. O que non me podía pasar pola cabeza era a estampa que agora teño diante dos ollos, un ser máis baixo ca min, moreno, media melena, barba negrísima, pantalóns de elefante e unha camisa de cadros que se abre a un triángulo piloso no peito. Non hai nel ningún sopro de excentricidade, agás o puro que contamina o aire co seu cheiro expansivo. É o fillo de Don Paco.

...Vexo que o fillo de don Paco estende  a súa man na miña dirección. Estréitolla e sinto na palma unha rugosidade encalecida que non se corresponde coa pel de alguén que traballa coas palabras. 
  -O teu pai díxome que querías ser artista. 
  -Talvez doutor.
  -Este é Carlos Casares..."
  (Páxinas 98-99)


Tamén hai n'A ferida do vento referencias concretas á narrativa de Casares; cando Antón, protagonista da novela, coñece a Casares, este regálalle unha das súas obras: Vento ferido, libro que lerá e do que lle lerá un conto á súa avoa Pepa. Lelle A rapaza do circo, un relato que mantén certa semellanza coa historia vivida por Antón. 




Gustoume a historia que conta a novela, a de Antón e Gabriela - Elsa, ese epertar da adolescencia, vivindo o protagonista, nun periodo moi curto de tempo, experiencias diversas; e a historia desas personaxes memorables que viven en liberdade. 


Sobre todo, gustoume como o autor soubo introducir " os seus toliños" na trama e, máis aínda, o seu estilo particular: esa prosa tan rica que zumega delicadeza e tenrura.

Xa non podo recomendar esta obra ós meus alumnos porque xa non estou en activo pero seguro que gozarían léndoa.

Entrevista de La Opinión.

Crítica de Xosé Mª Eyré.  

Antón Riveiro Coello no Zigzag

No hay comentarios:

Publicar un comentario