7.3.17

NORDESTE. DANIEL ASOREY


Acabo de ler outro dos libros que chegaron polo nadal: Nordeste de Daniel Asorey, premio Repsol 2016.


A medida que o ía lendo, valoraba a súa calidade estilística e sorprendíame moito a capacidade de fabulación do autor. Certo realismo e moita fabulación conviven nesta novela, pero tamén teño que dicir que me resultaba complexa a construción da mesma.

Ler que Santiago de Compostela é unha cidade marítima, non me digades que non sorprende!

Esas veas e arterias de auga salobre ascenden, impulsadas por muíños, dende o Obradoiro, onde descansa o poder, o corazón e a gloria da Galiza, ata as dunas feras da Bocarría e do esteiro do Sar. Fronte a eles, no palacio da Xunta Xeral, ondean as bandeiras brancas da Santa Irmandade, que agora, dende a altura, reciben o navío. (Páxinas 27-28)

Na compaña desta novela aprendín cousas sobre o Sertâo ( rexión semiarida do nordeste brasileiro) e sobre os seus disidentes, os Cangaceiros. María Bonita, unha das protagonistas da novela, na que me fixei especialmente, é cangaceira. É unha muller que ansiando a liberdade, e querendo fuxir dos pais e de Zé Neném (home ó que fora entregada con só 15 anos e contra a súa vontade) únese á banda de malfeitores máis buscada de Brasil, seguindo a Lampiâo, bandoleiro mítico e cruel. É unha muller que non se dobrega ás decisións do seu namorado e critica as actitudes dos homes que "cren ser os donos dos corpos femininos" 

Un anaquiño da novela para que coñezades un pouquño máis a María e por se queredes utilizar o texto para celebrar o Día Internacional da Muller

...Non eran namoradas de cangaceiros, eran cangaceiras, mulleres que collían a machada para abrir carreiros no Sertâo ou os fusís para repeler as volantes. Igual que os  homes cosían na máquina, cociñaban ou ían buscar auga, elas podían asaltar unha vila, atacar unha facenda ou alampar tiros do xeito  máis desapiadado. Con todo, María non pode deixar de pensar que, nestes máis de cinco anos que xa leva aquí, vira demasiadas veces como as mulleres eran asasinadas polos seus compañeiros. Acontecía como se se tratase dunha fatalidade inevitable, decretada por homes que, coma sempre, crían ser  os donos dos corpos femininos. Sente noxo. Os crimes xustificábanse, como non, en nome da moral sexual duns seres que tantas veces presumiran de amorais. A infidelidade só parecía digna deles. As mulleres, pola contra, podían pagala coa vida. Así pois, cre que quizais non haxa un camiño para elas nin sequera na apoteose do sertâo (Páxina 100).   

En todas partes ten que estar o camiño para  todos, sexan homes ou mulleres. Non vos parece?

Para saber máis:
Daniel Asorey no Zigzag.
Recensión de Ramón Nicolás.

No hay comentarios:

Publicar un comentario