17.3.11

UNHA RÚA NUN PORTO LONXANO DO NORTE


 Nova actividade para 1º ESO.


"UNHA RÚA NUN PORTO LONXANO do norte. As tabernas están acuguladas de mariñeiros e botan polas súas portas o bafo quente dos borrachos. Xentes de todas as castes do mundo, cantigas a gorxa rachada, música de pianolas chocas, moito fedor a sebo...

Un mariñeiro que fala francés tropeza cun mariñeiro que fala inglés. Os dous fanse promesas de gran amistade, cada un no seu falar. E sen entenderse camiñan xuntos, collidos do brazo, servíndose mutuamente de puntales.

O mariñeiro que fala francés e máis o mariñeiro que fala inglés entran nunha taberna servida por un home gordo. Queren perder o sentido xuntos, para seren máis amigos. ¡ Quén sabe se despóis de ben borrachos poderán entenderse!

E cando o mariñeiro que fala inglés xa non rexe co seu corpo comenza a cantar:

Lanchiña que vas en vela;
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.

O mariñeiro que fala francés, arregala os ol1os, abrázase ao compañeiro, e comenza tamén a cantar:

Lanchiña que vas en vela;
levas panos e refaixos
para a miña Manoela.

¡¡A-iu-jú-jú!! Os dous mariñeiros eran galegos. O taberneiro, gordo coma un flamengo de caste, veu saír aos dous mariñeiros da taberna e pola súa faciana bermella escorregaron as bágoas. E dispóis dixo para sí nun laído saudoso:

¡Lanchiña que vas en vela!
Tamén o taberneiro era galego."

Castelao, Cousas, 1926



ACTIVIDADES DO TEXTO DE CASTELAO

1.      Explica os significados das seguintes palabras ou expresións:
·         acuguladas,
·         bafo,
·         castes
·         pianolas chocas,
·         perder o sentido,
·         non rexe co seu corpo,
·         refaixos,
·         arregala,
·         flamengo,
·         faciana,
·         escorregaron.
2.      Cal é a profesión dos personaxes deste texto de Castelao? Que idiomas falan?
3.      Por que chora o taberneiro?
4.      En que lugar se desenvolve a acción ? Terá algunha importancia o feito de que o autor non o concrete ?
5.      Como é o ambiente das tabernas?
6.      Que significado ten a frase “Quen sabe se despois de ben borrachos poderán entenderse”?


CUTAMETRAXE DE ANIMACIÓN DE  VIRGINIA CURIÁ E TOMÁS CONDE FEITA A PARTIR DESTE RELATO.


Nun porto do norte de Europa, encóntrase un mariñeiro que fala inglés con outro que fala francés. Ambos beben xuntos aínda que sen entenderse. Cando se dispoñen a pagar danse conta de que acaban de ser vítimas dun ladrón de carteiras.


ACTIVIDADES DA CURTAMETRAXE DE VIRGINIA CURIÁ E TOMÁS CONDE

1.      Na curta fálanse varios idiomas. Cantos recoñeces? Quen os fala?
2.      Que frase di o ladrón de carteiras? Cando ?
3.      Que teñen en común o texto de Castelao e a curta ?

2 comentarios:

  1. Hola Marina, somos Blanca e Elena.
    Gustanos moito teu blog :)
    Segue asi ;)
    Blanca e Elena 1ºE

    ResponderEliminar
  2. Son elena de 1º eso e encantame a curtrametraxe e o texto de Castelao

    ResponderEliminar