30.5.11

LUÍS PIMENTEL NO BARRIO DE CHAPA EN OURENSE.

Cando seleccionamos as rúas de Ourense con nome de escritores, non descubrimos a de Luís Pimentel pero logo consultando os planos da cidade, souben que existía e que estaba no barrio de Chapa preto de Tras Estación.

Quixen fotografala para incorporala ó noso traballo e, ó facelo, con axuda do presidente da ANPA que me levou en coche, descubrín que á primeira placa lle faltaba un E e o N.


Aínda me quedaba a esperanza de que a segunda placa estivese ben, pero non foi así, tamén lle faltaba un E; a letra metálica foi substituída por unha pegatina cun E en vermello que xa está descolorido.


Perderíanse as letras orixinais por un defecto de fabricación? Sería unha trasnada de nenos ou non tan nenos? Buscando unha resposta, veume á cabeza un poema do autor:

XOGO RUÍN

Aquil neno
    pinchaballe os ollos
ós paxaros;
e gustáballe ver sair
esa gotiña
de aire e de lus,
ise rocío limpo
de mañanciñas frescas.
..........................................
Logo botábaos
    a voar
e ríase de velos
topar contra o valado
da súa casa,
con un ruído
   moi triste.
..........................................
Creceu e foi de aquiles.

 Sombra do aire na herba

Podedes relacionar este poema cun relato de Vento ferido de Carlos Casares que ten un título parecido: "O xogo da guerra" ou coas "formas de diversión-experimentación crueis" dalgúns rapaces doutros tempos. Eu relacioneinos  no pasado cando tiven que comentar este poema.

Tamén puido ser que as letras que lles faltan ás placas llelas levasen as correntes dos ríos que son veciños da Rúa Luis Pimentel: Río Mente, Río Deva, Río Tuño, ou que simplemente se cansasen de ver a cidade desde tan arriba e quixesen baixar a pasear por ela.

Xa vedes que a imaxinación é libre . Vós tedes que escribir a historia das letras que lles faltan ás placas.

Lede estoutro poema de Pimentel dedicado a Rosalía:

NAI DE GALICIA

Chámate Rosalía:
non vaias.
Nin camelias
nin campás.
Guinda ise delantal
de camposanto
que levache sempre.
Berra forte, érquete;
chama ós teus afogados
e ós teus mortos;
fálalles duro.
Na túa pelvis de seixo
hai un neno de terra.
Aí estás preñada
enriba do acantilado
frente a un mar tenebroso.
Berra forte, érguete.
Levanta as maos,
e abre ises ollos craros e limpos.
Olla ó ceo
Deus espera algo de ti.
 
Triscos

3 comentarios:

  1. Canto traballo e canta ilusión neste blog! Estou impresionada.

    ResponderEliminar
  2. Marina, creo que o nome do que levou o E está implicado sentimentalmente con esa letra. Xa verás. Felicidade, compañeira, polo teu traballo. Xa me pinchaches para espabilar dunha vez e maquear o meu blog coas rúas e a vida secreta das súas palabras.

    ResponderEliminar
  3. Animamoste a seguir con esa calidade que enche o teu blogue.

    ResponderEliminar