7.6.11

ANTÓN TOVAR - O SEU RECANTO

Un bo día, hai xa tempo, descubrín o recanto do poeta Anton Tovar. Agora que estamos coa teima de atopar referencias culturais nas rúas, nos xardíns, nos parques, nas prazas, nas casas da nosa cidade ... (ata descubrín unha na parte exterior da Catedral), lembrei ese rincón.




Está na cafetería "Primera fila" de Pena Trevinca no barrio de San Francisco; déixovolo aquí, por se non o coñecedes.

É un recantiño acolledor e moi discreto, un pouco oculto, como "semioculta foi a existencia de Tovar". 

Marcos Valcárcel, no ano 2005, prologou os libros de Antón Tovar : Poesía en galego I (1962 - 1975) e Poesía en galego II (1980 - 2001) e escribía: "Unha das máximas máis queridas e repetidas por Tovar -el mismo incluíuna no seu Diario íntimo dun vello revoltado-, era aquela de Epicuro que di: "vive oculto". O poeta limiau aplicouna, con teimosía : semioculta foi a súa existencia no mundo dos vivos, case desapercibida a súa morte. Pola contra, a súa obra, tecida desde as tebras e desde o desacougo, tamén desde o amor e a paixón, non deixará nunca de deitar luz"

Imos contribuír un pouquiño a que a obra de Tovar non deixe de deitar luz, e, como en primeiro da ESO estamos coa poesía e lemos e traballamos as do libro de texto: "Terra de ningures" de Celso Emilio Ferreiro e "A fala" de Pondal, imos comparar un poema de Antón Tovar co de Pondal e con outro de Celso Emilio: Deitado frente ao mar...

LINGUA CAMPESIÑA

Lingua campesiña e proletaria
baixo a que estou acochadiño
tomando ista rafiña clara
de sol agoniante.

Lingua campesiña,
valado de silveiras 
contra o que me encosto,
namentra-los mozos
van á romaxe da esperanza.

Idioma escuro,
patria pequena 
que agurgullas no bico
da miña mao.

Naquila frangulla
do pan das palabras,
que me deixou en herdo
Don Vicente,
hei de esculpi-la rula
da esperanza
e sementa-la sementeira.

Patria pequena, sen maúscula,
verdadeira patria.

Lingua pequena e fermosa e derrubada
lingua miña, verdadeira lingua.

En ti aprendo a vivir
coma un meniño
atoutiñante
que camiña
collido da mao daquil pai cego
e refugado.

Calados esconxuros 1980

En Son de poetas  podemos ler e escoitar outro poema do autor: "Eu . Tovar".

No hay comentarios:

Publicar un comentario