27.6.11

AS SOBREIRAS ESPIDAS, PELADAS, DESCORTIZADAS.

A sobreira de "Historia dunha sobreira" de Ramón Caride Ogando fala e explica que dela tiraban a cortiza para facer abelleiras (o meu tío chamáballe cortizos e neles metía os enxames para que producisen mel) Tamén di que as súas cortizas valían para facer boias para as redes de pesca e para facer rollas. 

Estas sobreiras que eu fotografei, se falasen non sei o que dirían.






A min poduciume moita tristeza velas así espidas. Ó estar pensando se as árbores sufrirían, lembrei o poema de Rubén Dario que comeza " Dichoso el árbol, que es apenas sensitivo / y más la piedra dura, porque esa ya no siente," e tranquiliceime un pouco.

Pero a árbore seica sofre a pela de xeito metábolico e fisiolóxico.Vede este artigo. Ademais temos que agardar ben anos para que teñan unha cortiza semellante á que lles sacaron. Din que as cortizas que se reproducen despois de ser peladas as árbores, son mellores. Será verdade?
 
Os meus alumnos do curso que vén han de facer que falen estas sobreiras; algúns, co creativos que son, vano facer moi ben.

Despois de ler o artigo da Wikipedia e de ver o vídeo do "descorche tradicional" na páxina da Xunta de Extremadura, tamén han de responder ás seguintes preguntas:
  1. Cando se comezou a usar a cortiza e para que? 
  2. Que aplicacións ten a cortiza?
  3. Como se fai a pela? Que ferramentas se empregan?
  4. Que efectos produce a pela na sobreira? Cantos anos hai que esperar para que a árbore teña unha cortiza semellante a que tiña antes de ser pelada?
  5. En que lugares de Galicia podemos ver sobreiras? Chámaselles en todos os lugares así ou teñen outros nomes?
  6. Cantas sobreiras temos no xardín do Instituto? Se non coñeces a sobreira, le o nome que teñen os coios que están ó lado de cada árbore. Gustaríache vela sen cortiza?
  7. Recolle cantigas, refráns ou poemas nos que apareza a sobreira. Eu déixovos un anaquiño da Introdución de Aires da miña terra de Curros Enriquez:
Escribir nada máis pra onha provincia,
ou, como os pobos árcades fixeron.
escribir sobre a casca dos curtizos , 
cáxeque todo ven a ser o mesmo.

Edición Pombal 1975

    1 comentario:

    1. Boa noite.
      Déixovos un agasallo na Revolta da freixa.
      Longa vida para Camiño longo.

      ResponderEliminar