Temos fotografadas máis de trinta placas de rúas de Ourense con nome de escritores do século XX; moitas podedes velas nos Rueiros literarios de 1º ESO C e 1º ESO E, publicados no blog Espacio Entre Palabras. Algunhas quedarán sen rexistrar no noso traballo pero estou segura que entre todos irémolas descubrindo. Os álbums completos xa quedan para o próximo curso.
Xa falei de Lamas Carvajal (século XIX) de Pimentel e de Antón Tovar; hoxe tocoulle a vez a Blanco Amor.
Buscando a rúa de Ánxel Fole, da que souben despois de ler Onomástica das rúas de Ourense, atopeime na Praza de San Cosme e, ó visitar o Museo de Arturo Baltar, non puiden deixar de fotografar a Nonó e a Monfortina, dúas personaxes da Esmorga de Blanco Amor, que forman parte do Belén de Baltar:
Tamén fotografei os que están na taberna, dixéronme que eran os esmorgantes. Seranos? Xulgade vós ó ver a fotografía.
Blanco Amor está en moitos espazos da súa Auria, do noso Ourense. Vede O Roteiro da Esmorga, do que xa falamos noutra entrada, e vede tamén estas fotografías que recollen a placa da casa na que naceu, a da casa onde viviu nos últimos anos; a súa tumba no cemiterio de San Francisco, a placa da rúa que leva o seu nome, a placa homenaxe a Blanco Amor no Día das Letras Galegas do 2007 e o monumento da Alameda, o traballo de Buciños, o monumento do IES Blanco Amor e as dúas fotografías do Belén de Baltar.
Hai algunhas que están no noso Instituto, a ver quen dá con elas! . Unha seguro que non a tendes localizada aínda que pasastes por diante dela nalgunha ocasión. Hei de propoñervos outras actividades na clase. Xa nos queda pouquiño tempo pero algo faremos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario