20.7.11

NIN CHE CONTO. PARA COÑECER E GOZAR A MICRONARRATIVA.



Acabo de ler Nin che conto de Xosé Manuel Eyré. O subtítulo é “Para coñecer e gozar a micronarrativa. Eu teño que recoñecer que descubrín autores e textos que descoñecía, e que gocei con eles.

Sempre me pareceron de utilidade os textos breves para traballar cos alumnos, e xa o teño feito cos de Castelao, cos de Cunqueiro, cos de Dieste, cos de Séchu Sende e tamén con algún de Suso de Toro … Botei moito de menos algún deste último autor porque eu creo que en Tic-Tac hainos que poderían encaixar no libro de Xosé Manuel  Eyré.

Seleccionei dous cos que poderemos traballar:

NOSO PAI QUE ESTÁS NO CEO

Mentres o sarxento interrogaba a súa nai e a súa irmá, o capitán levou o neno, dunha man, ao outro cuarto …
-¿Onde está o teu pai? –Preguntou.
-Está no ceo –borboriñou el.
-¿Como?¿Morreu? –Preguntou asombrado o capitán.
-Non –dixo o neno-.Todas as noites baixa do ceo a cear connosco.
O capitán ergueu a vista e descubriu a portiña que daba ao faiado.

Despois de ler o texto  poderemos responder ás seguintes preguntas:

  1.  En que contexto histórico se pode situar a historia que aquí se desenvolve?
  2.  Formula algunha das preguntas que o sarxento lles faría á nai e á irmá.
  3.  Por que cres que o neno lle di ó capitán que o seu pai está no ceo?
  4.  Onde estaba realmente o pai? Por que cres que estaba agochado?
  5.  Continúa ti a historia para que deixe de ser micronarrativa.
  6.  O título coincide co inicio dunha oración. Ten algunha relación co que sucede no texto ou co que imaxinas que pode suceder?

CONTO TRÁXICO

Arrincárona da súa terra con armas afiadas e pola forza. Levárona onda moitas da súa caste e metéronas todas xuntas e apretadas nun sitio suxo e escuro.

Despois, collérona a parte, esfolárona, cortárona en cachiños parellos e guindárona en aceite fervendo. Logo ciscáronlle sal por riba.

-¿Queres ketchup nas patacas?

UXÍO BROULLÓN

Despois de ler o texto poderemos responder ás seguintes preguntas:

  1. Paréceche adecuado o título? Cal lle porías ti?
  2. Cando estabas lendo, intentabas averiguar de quen se trataba? Parecíache que se estaba exercendo a violencia? En que pensabas?
  3. Sorprendeute que fose a pataca a protagonista deste conto ínfimo?
  4. Escribe ti un conto ínfimo no que o personaxe principal sexa un alimento.

      No hay comentarios:

      Publicar un comentario