Outra das lecturas deste verán foi a novela Denso recendo a salgado de Manuel Portas
Hai moita corrupción e con ela moita violencia e morte na novela, pero a min gustaríame destacar outro aspecto relacionado cos personaxes.
Teñen en común ser dunha mesma vila mariñeira, da mesma xeración, dun mesmo curso, cando eran mozos, sexto letras, e moitos deles dun mesmo equipo, o Fortuna...
Co transcorrer do tempo seguen tendo cousas en común. A maioría deles son seres insatisfeitos, infelices, desamparados, solitarios … Algúns viviron o amor, pero agora padecen o desamor, o “amor seco” como na novela se di, e senten a necesidade de fuxir, de abandonar o fogar e buscar a satisfacción persoal noutros ambientes.
Xavier abandona casa, traballo e moza, e vive libremente, en Santiago, da venda ambulante, pero creo que non atopou o que buscaba.
María deixa o fogar e o instituto no que traballa, e vaise en comisión de servizos á Mariña luguesa; o que realmente desexaría sería vivir con Suso, e ser feliz. Conseguirao?
Clara, a ex moza de Xavier, vive co seu fillo e ilusiónase con Damián, o xornalista que investiga o branqueo de cartos de Daniel Suárez, e toda a trama relacionada coa droga e outras mercadorías. Non sabemos o que pode ocorrer con esa relación.
Chamoume a atención que, cando o autor está describindo a relación de Clara e Damián, fai alusión ás cantigas medievais, á alba de Nuno Fernandez Torneol, que comeza “levad´, amigo que dormides as manhanas frías”; coñecendo a cantiga podemos esperar o peor.
Hai outras referencias na novela a autores da Idade Media ; cando Suso e María están vendo fotografías de cando eran xoves, páranse nunha que fixeron nunha excursión a Pontevedra, e falan da lápida de Paio Gomes Charinho do Convento dos Fanciscanos.
Andrés, no seu paseo nocturno, despois de que María marchase, vai ó café Airas Nunes.
A infelicidade non só se percibe nos personaxes citados anteriormente; podemos seguir falando doutros: de Andrés, que se refuxia no traballo, nos paseos, no desexo de volver pintar; do Viquingo, que quere marchar ó Caribe, e remata de forma tráxica; do comisario, a quen lle gustaría manifestar o que sente por Dora, e non se atreve; de Morocha e o seu problema co alcol; ela é a que fala do “amor seco”:
"Se non tivésemos a Marián, se non nos atasen os vencellos que dan os anos …, que que faría? Pregúntasme que que faría? Que se seguiría contigo? Non, Carliños, non. Non, meu ben. Teño xa o amor seco. É xa un pouco tarde para amarte."
Como Carlos morre, Morocha chegará a ser feliz?
Se ledes a novela aínda ides atopar máis “almas perdidas” e “corazóns solitarios” e ó mellor certas semellanzas con Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso; nesta obra as horas eran as dunha noite, e en Denso recendo a salgado son as dunha semana; comeza un xoves ás 05.00 e remata o xoves seguinte ás 04.50.
No hay comentarios:
Publicar un comentario