Outra lectura máis: Non hai noite tan longa de Agustín Fernández Paz. O título ten moito que ver coa cita de Macbeth de W. Shakespeare que aparece ó principio do libro:
"Reunide todo o ánimo que poidades. Que non hai noite tan longa que non remate en día."
Esta cita, o mesmo ca as outras de L. P.Hartley, Luís Cernuda e a de Hamlet de W. Shakespeare, ten moito que ver co contido do libro porque nos invita a que confiemos no futuro e na resolución dos problemas, aínda que esteamos “fartos de ceder e ceder” como Rosa Parks , a muller que aparece na fotografía da portada da novela, a costureira que residía en Montgomery e que, o 1 de decembro de 1955, se negou a lle ceder o asento a un home branco que ía de pé no autobús. Quería ter os mesmos dereitos ca os brancos e manter intacta a súa dignidade persoal.Vede a páxina 265.
Aínda que a noite para moitos personaxes desta novela foi moi longa, eu creo que o día vai chegar para algúns.
A noite para Gabriel foi moi, moi longa; foron moitas as noites que transcorreron desde que foxe de Monteverde a París, o 9 de outubro de 1970, e retorna para o enterro da súa nai, en 2002. Durante ese tempo sempre conviviu cun sentimento de culpa e cunha ferida que supuraba constantemente.
Despois do enterro da nai e do encontro coa “ánima” do seu pai, que lle reprocha telo abandonado e lle pide xustiza, decide curar a súa ferida e limpar a memoria do seu pai, Vicente Lamas Varela, o Mourelo, que cargara coas culpas dun violador sen selo, e padecera malos tratos, un xuízo, tres anos de cárcere, o desprezo da xente... e rematara morrendo dun ataque ó corazón pouco despois de conseguir a liberdade.
Gabriel, sen ser un Montalbano de Andrea Camilleri, un Leo Caldas de Domingo Villar, ou un Frank Soutelo de Miguel Anxo Fernández, fai as funcións dun bo detective e vai tecendo os fíos que o levan a descubrir o verdadeiro violador.
Aínda que os delitos prescribiran, o traballo de Gabriel enviado ós medios de comunicación contribuirá a que o violador pague polos delitos cometidos. Eu estou convencida de que se publicará.
A noite fora tamén moi longa para Celia e Elsa, nai e irmá de Gabriel; para Natalia Valcárcel, agredida; para Berta Vilela, violada; para Senén Louzao, garda civil torturado polos remordementos; para o avogado defensor de Vicente … Todos eles quedaran moi marcados no pasado; algúns con traumas que non deran superado e sentíndose culpables, cando eran vítimas.
O día chegou para eles porque se vai facer xustiza, aínda que sexa con moitos anos de retraso.
No libro hai moita música, moito cine, moita literatura, eu deixo sen tratar todo isto e outros moitos temas interesantes, como o abuso de poder nos últimos anos do franquismo, pero é inevitable citar algunhas referencias literarias: a Comala de Pedro Páramo, as obras de Macbeth e Hamlet de W. Shakespeare, Kafka, Pablo Neruda, León Felipe, Fernando Pessoa, Valente, Rosalía, Marilar Aleixandre, Méndez Ferrín, Luís Pimentel, Sarmiento e o Día das Letras Galegas de 2002.
O autor fainos lembrar as obras de W Shakespeare, ó ler esta novela. Eu lembrei tamén Conta saldada de Suso de Toro porque creo que hai coincidencias. Poderiamos pensar en Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro? Na novela de Agustín Fernández Paz a noite non é de pedra, é de chumbo.
Consultade este traballo de Vanesa Oliveira.
Escoitade e vede a Anna Raven lendo un anaquiño da obra.
Premios no 2012.
Esta reseña non a leo ata non ter lido o libro :)
ResponderEliminarAgora xa o lín e que de cousas ten ese libro! O que ti mencionas e esas frases matadoras, que definen un momento, unha actitude, unha lembranza en dúas liñas nada máis! Que bonito :D
ResponderEliminar