31.1.12

XULIA ALONSO E FUTURO IMPERFECTO NAS TERTULIAS DE OURENSE


Moitos alumnos de distintos Institutos de Ourense, Xinzo e Allariz, tras ler e preparar Futuro imperfecto de Xulia Alonso, asistiron ás tertulias que organizou o Concello e que se celebraron os días 24, 25 e 26 de xaneiro.

Os participantes acompañados dos seus profesores achegáronse á Aula Cultural do Liceo e alí manifestaron as súas opinións sobre a novela. Tratáronse diversos temas: as drogas e os efectos das mesmas, a rehabilitación, a implicación da familia e os amigos no proceso de rehabilitación, a sida, a morte, a relación das citas literarias e musicais da novela co contido da mesma, entre outros.

O día 26 Xulia Alonso falou para todos. Presentounos a lectura como unha ferramenta que axuda, o mesmo que pode axudar un bo amigo, en momentos moi difíciles; explicounos, entre outras moitas cousas, que co seu libro quixo deixarnos constancia da súa historia de amor con Nico, unha historia honesta coa que pretendeu  transmitir emocións e sensacións. Destacou finalmente o valor da memoria como ferramenta útil para a vida.

Sorprendeume moi gratamente a actitude do alumnado, escoitouna con gran atención e ademais formuloulle preguntas que demostraban unha gran madurez, ata servían para aclarar dúbidas que algúns tiñamos e ó mellor non eramos quen de formulalas. Que dicir da autora? que nos engaiolou a todos co seu discurso e coa súa fortaleza. Tivo ademais a paciencia de asinar máis dun centenar de libros!

Temos a oportunidade de repasar a obra acudindo ós traballos que fixeron as profesoras que dirixiron as tertulias : Guía de lectuta do IES Lagoa de Antela, Guía de lectura do IES Allariz, Guía de lectura do IES Blanco Amor. Estas son as que eu coñezo; seguramente hai máis.

Parabéns a todos!
 


Podedes ver o vídeo que aparece no blog O galego do Quinto. Tamén estades algúns de vós.

3 comentarios:

  1. Queridos blogueiros do Blanco Amor, este é o comentario que deixei no blog de galego do meu insti (o Quinto):
    <>

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Agora sí que vai:


      Os profes sempre somos moi rápidos criticando aos nosos alumnos/as: que o estudio, que o respecto, que nada lles interesa, que non sei que... E o certo é que tanta crítica non construtiva é moi perigosa (e cansa).
      Hoxe quero facer o contrario, quero dicir que ESTOU MOI ORGULLOSA dos nosos adolescentes, que déronnos unha grandísima lección do que era saber estar, dialogar, ler, preguntar. Gustaríame que moitos dos políticos de din representarnos, moitas das cadeas de TV que teñen "seudo-programas debate", moita da xente maior que critica aos novos, estiveran o outro día na conferencia de Xulia Alonso: máis de 100 rapaces en silencio, gardando o seu torno de palabra (sen ter que intervir os de profes nin unha soa vez), facendo preguntas moi boas que demostraban o seu interese, a súa profundidade de lectura... Igual que nas tertulias que se ben houbo algún/algunha rapaz/a que case perde os papeis, a maioría do alumnado respectaba a súa quenda ou non seguían os posibles tons "subiditos". Pareceume unha lección de comportamento.
      Levo toda a semana encantada porque se hai algo que me motiva é crer na xente nova á que teño que ensinar. E creo neles. E digo eu, serán especiais eses rapaces que van ás tertulias?será porque LEN? ;)

      Eliminar
  2. Estou de acordo contigo, Almudena. Na nosa tertulia houbo respecto e participación e puidemos aprender uns dos outros. A actitude que tiveron, tantos alumnos xuntos, no encontro coa autora, foi sorprendente; o seu comportamento, exemplar, e o coloquio, moi moi rico. Ás veces son eles os nosos mestres.

    ResponderEliminar