Queda pouco tempo para que se cumpran os dez anos que pasamos sen Carlos Casares. Aínda que nos deixou o día nove de marzo de 2002, seguiu presente en moitos de nós porque nos quedou a súa obra.
É raro que pase un curso sen que eu utilice nas clases algún conto de Vento ferido. Cando no curso pasado fixen referencia neste blog a Luís Pimentel, tamén citei a Carlos casares e o conto O xogo da guerra. Despois de coñecer esta historia, houbo alumnos que se interesaron pola obra de Vento ferido e leron outros contos. Pasará o mesmo neste curso?
No ano que agora comeza hase falar algo de Casares e, ó mellor, nos próximos aínda máis, xa que debería ser figura homenaxeada no Día das Letras Galegas.
Eu hoxe quero deixarvos aquí unha das moitas columnas que Carlos Casares escribiu, desde 1992 ata 2002, para La Voz de Galicia:
O CURUPEDRO
Estes días, falando de moscas e avésporas, acordeime do Curupedro, un animal do que me falaba con frecuencia o meu avó e que eu vin unha noite. Era pequeno e peludo, do tamaño dun coello aproximadamente, tirando a redondo, como os ourizos, todo carne e sebo, sen ósos. Tosía coa tos dos vellos e comía libros, periódicos e papeis, eso a diario; os domingos, xamón ou polo. Non sei como, unha noite vino no meu cuarto, acochado detrás da porta, mirándome con cara de bruxa. Acendín a luz e desapareceu.
Un día pregunteille a Cunqueiro se sabía da existencia deste ser fantástico, el que escribiu un conto sobre un animal de nome parecido. O gatipedro, que fai mexar os nenos na cama e que se espanta botando sal no chan. Díxome que nunca oíra falar del, pero que polo de comer libros debía ser parente do Rapisapo, tamén ilustrado.
Con Joan Perucho, autor dun coñecido bestiario, falei tamén do asunto unha tarde quente de Agosto, paseando polo adro dun mosteiro armenio, preto de Ereván. Para el, o curupedro podía ser da familia dos farpechos, unha especie de orugas xigantes que habitaban nas bibliotecas medievais e que rillaban nos libros, pero non estaba seguro. De maneira que sigo sen saber que clase de bicho podía ser aquel. A non ser que se tratara dun invento do meu avó e que o monstro que eu vin aquela noite non fora máis que pura imaxinación.
Columna publicada o 21-8-1994. Copiada da edición conmemorativa do cabodano do pasamento de Carlos Casares 2004: Carlos Casares. 100 artigos. La Voz de Galicia.
Coñeciades o gatipedro, lembrade que aparece no calaméo de Escola de menciñeiros, con debuxos dalgúns alumnos de 1ºESO C; agora xa coñecedes tamén o curupedro.
Podedes ler unha selección de columnas de Casares no blog A Marxe do tempo.
Casares falou da donicela noutro dos seus artigos. Heivos copiar noutra entrada esa columna para que aprendades todos os nomes que ten, e para que saibades algo máis da nosa doniña.
Podedes ler unha selección de columnas de Casares no blog A Marxe do tempo.
Casares falou da donicela noutro dos seus artigos. Heivos copiar noutra entrada esa columna para que aprendades todos os nomes que ten, e para que saibades algo máis da nosa doniña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario