25.7.12

A PRESENZA DE CUEVILLAS NAS RÚAS DE OURENSE. SEMENTEIRA


Sempre me explicaran que a casa de Cuevillas estaba na Praza do Ferro e sempre me sinalaban a que ten o nº 12; parece que é a que está ó lado, a nº 10 da rúa Santo Domingo.

Pregunteime moitas veces por que non ten unha placa a súa vivenda, porque os seus veciños: Otero, Risco, O Xocas e Blanco Amor si teñen placas nas súas respectivas casas.  Non sei a resposta.

O que si ten é unha rúa con placas de estilos moi distintos. Algunha das que ides ver no álbum xa a retiraron para colocar a última, a de cerámica de cores azul cobalto e amarelo indio clásico co escudo de Ourense. Xa teñen moitas rúas da nosa cidade estas placas novas; Estase continuando o proxecto "Memoria nas rúas". É un proxecto desenvolto polo Concello de Ourense para recuperar a lembranza dos persoeiros do rueiro onomástico.

Tamén ten o seu monumento na Alameda, unha Residencia xuvenil co seu nome, e a súa tumba no Cemiterio de San Francisco. Védeo:






Vou deixarvos un texto que me gustou recuperar:

 
SEMENTEIRA

É Galicia un país que ten de seu fartura de caraiteres distintivos que a individualizan e que son visíbeles dende moi antigo, probablemente dende que os primeiros seres humáns chegaron aos seus vales. E por eso se perguntades ás pedras lascadas das terrazas do ríos, ás mámoas das gándaras, aos castros dos outeiros, aos vellos castelos arruiñados, aos pergameos dos arquivos, ás aldeas pequeñas i espalladas, aos estilos xurídicos, aos costumes, a música e á poesía, populares, se Galicia esiste, se dentro dela vive unha ialma, se é merecente de que conserve a súa fala, e que ista fala sexa a espresión natural dunha cultura enxebre, todas aquelas cousas hanvos contestar cun outo, forte i estrondante sí. Mais se endereitades a mesma pregunta á imensa, asoballante maioría dos galegos, responderánvos que ou non entenden o que se lles dí, ou que o asunto non lles interesa; e se ouservades a súa conduta, se vos fixades en que fan de menos todo o que é seu, que botan do fogar a lingua dos seus país, que respeitan e veneran o alleo, soio por ser alleo, que se rín do propio, entón comprenderedes que unha imensa e asoballante maioría de galegos contesta que non ao voso interrogante, e darédesvos conta do drama dun país en que as xentes viven en oposición teimosa e costante coa súa historia, coa súa tradición e co seu mesmo marco xeográfico.
(…)
Compre que os que de veras queren á nosa terra, os que traballan a prol da súa esaltación, os que a sinten no cerne do seu esprito, os que quixeran convencer e persuadir, os que cen veces sentirían abaixarse o vóo do seu corazón, os que dubidaron e dubidan da eficacia e da fertilidade do seu esforzo, deprendan, pra non esquencela, ista verdade: a verdade de que a ialma de Galicia non pode deixar de ser nin convertirse noutra ialma, e que só desaparecerá cando o mundo desapareza.

Nos anos que han vir veredes quizáis debecer aínda máis a nosa cultura, perder terreo a nosa lingua, confundirse os perfís do nos país deica borrárense no neboeiro borrallento que o invade todo. Non desesperedes, os que de verdade sintades a emoción galega; seguide sempre con fe, e si  se vos ocurre pensar acaso se sementades ou se soio esparexedes, desbotade ise pensamento e tede por certo que calquer traballo, grande ou pequeno, duro ou levián, que emprendades en nome de Galicia, é sempre sementeira.

1951
De:  Prosas Galegas, Galaxia, 1971.

Que razón tiña Cuevillas! Vós facedes sementeira? Eu penso que sementar, semento. O malo é que ás veces non nacen as sementes ou, aínda que nazan, non  medran ou non dan o froito que un quere.

2 comentarios:

  1. O primeiro libro que lin en galego foi unha lectura que puxeches na aula, non digas que a túa sementeira non dá froito. Bicos.

    ResponderEliminar
  2. Oxalá pase iso con frecuencia. Ler estas cousas anima moito. Biquiños.

    ResponderEliminar