Os alumnos de 2º ESO debedes ler, nesta primeira avaliación, Dragal. A herdanza do dragón de Elena Gallego Abad que é a primeira entrega da triloxía de Dragal, o dragón galego. Agardamos que disfrutedes coa novela. Foi lida por moitos escolares de Galicia e galardoada co premio Frei Martín Sarmiento (Categoría 1º e 2º ESO). Cando a rematedes, xa podedes ler Dragal II. A metamorfose do dragón e Dragal III. A fraternidade do dragón, para completar a triloxía.
Consultade a Web oficial de Dragal e aí atoparedes información.
Vede o que afirma a autora na entrevista de Lourdes Varela :
–O segredo de Dragal é que non é necesario contar cunha idade
determinada para que che goste, porque ten varios niveis de lectura
diferenciados. Forma parte dunha colección de literatura xuvenil, pero
conta xa con seareiros de todas as idades. Por unha banda, é unha novela
de aventuras para rapaces, na que dous amigos do instituto teñen que
investigar un misterio. Hai dragóns de pedra que falan, medallóns de
metal en estado vivo, unhas catacumbas que conectan cun lugar máxico como
a Poza da Moura… Mais a triloxía de Dragal tamén é unha serie
para adultos con inquedanzas culturais, xa que ten os seus alicerces na
historia medieval de Galicia, recolle tradicións celtas e bebe das
fontes da alquimia. Ese é o segredo, facer realismo fantástico e unir
nun mesmo texto aventuras e cultura.
Estoutra entrevista que lle fixo Carme Vidal á autora da triloxia apórtanos información de interese. Lede un anaquiño, son palabras de Elena Gallego:
Antes que escritora fun lectora, e a vida real e a fantasía van parellas
na miña biografía. De nena lía moito e tiña presente o mundo da
fantasía e a literatura. Dragal nace así de maneira paralela á
miña vida real, como un mundo onde me refuxiar. Con todo, hai moitos
elementos na obra en que ves que está escrita por unha xornalista, por
unha persoa que ten contacto coa escrita de actualidade nos medios de
comunicación. Cada capítulo da historia é un relato en si propio, como
cando se fai unha reportaxe, aínda que teña certa continuidade coas
outras. A linguaxe empregada é accesíbel, como se se tratase dun
edificio natural, a arquitectura dunha casa que ten máis valor canto
menos se impón. Cando escribía Dragal era unha nai contando
unha historia a unha crianza e que procuraba que lle gustase. Ao igual
que a min me gustaban, cando nena, as historias dos Cinco, co misterio e
a aventura que tiñan. Mais ao tempo gozaba con Xulio Verne e agora bebo
tamén de Harry Potter.
Leamos e teñamos presente, nós tamén, o mundo da fantasía e a literatura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario