20.10.12

CHÁMANLLE A " MARQUESIÑA". CASTELAO



CHÁMANLLE A “MARQUESIÑA” e os seus peíños
 endexamáis se calzaron.

Vaí á fonte, depelica patacas e chámanlle a Mar-
quesiña.

Non foi á escola por non ter chambra que pór, e
 chámanlle a Marquesiña.

Non probou máis lambetadas que unha pedra de
 zucre, e chámanlle a Marquesiña.

A súa nai é tan probe que traballa de xornaleira
 na casa do Marqués.

¡E aínda lle chaman a Marquesiña!




Despois de ler e escoitar este texto de Cousas de  Castelao que aparece no libro de 2º ESO, debes responder as seguintes preguntas:
  1. Cantos personaxes aparecen neste texto? Pertencen a clases sociais diferentes?
  2. Por que cres que lle chaman a Marquesiña? Terá algunha importancia o uso do diminutivo? 
  3. En que medio cres que vive a Marquesiña? Que é o que cho indica? Fíxate no debuxo que acompaña o texto e explica que momento da historia reproduce.
  4. Un dos significados de vítima, segundo o dicionario da RAG, é: "persoa ou animal que sofre un dano ou resulta prexudicado por alguén ou algo". A ti paréceche que a Marquesiña é unha vítima? 

Avelina, a profesora de lingua castelá, díxome despois de ler o texto:
" Paréceme  un texto fermoso e terrible á vez. Dunha concisión demoledora. Lembreime de El niño yuntero de M. Hernández pero aquí hai moito máis sufrimento aínda. Que desamparada está a infancia!"

Que razón ten!  Se a Marquesiña non fose unha personaxe de ficción poderiamos dicir que o seu caso é tan arrepiante como os que destaca Marina Mayoral na súa columna de La Voz de Galicia do mércores 17 de outubro.

Ata creo que hai semellanzas entre a Marquesiña e Malala e Bishnu. Hainas? Responde despois de ler o texto:


Escravitude ou morte

17 de octubre de 2012
 Marina Mayoral

O Día Internacional da Nena trouxo ás páxinas dos xornais casos arrepiantes. Destaco dous. O da nepalí Bishnu Chaudhary. Aos nove anos foi entregada a cambio dun préstamo a outra familia como escrava doméstica. Recibía quince euros anuais, traballaba sen descanso todos os días, e moitas veces ía á cama sen comer nin cear. Rescatada por unha ONG consigue aos once anos asistir á escola, pese á oposición do pai, que pensa que as nenas non teñen que estudar. Hoxe ten dezanove, vai estudar para «ser avogada e defender ás mulleres». Os pais séntense orgullosos dela.
O outro caso é o de Malala Yusufzai, a rapaza paquistaní de catorce anos que foi tiroteada polos talibáns por defender o dereito das nenas a estudar. Filla de mestres, os pais apoiárona para realizar o seu soño de ser médico. Dende os once escribía un blog que chamou a atención da BBC en urdu, a lingua nacional de Paquistán. A partir dese momento comezou a recibir ameazas por parte dos talibáns. Malia o medo, seguiu asistindo á escola, ata que unha bala detivo o seu camiño cara á liberdade. Hoxe, por fortuna, está fóra de perigo.
Malala e Bishnu son símbolos da loita secular das mulleres para ser recoñecidas como seres humanos de pleno dereito. Para alcanzar ese estatus a educación é indispensable. A situación de escravitude que padecen miles de mulleres aséntase sobre a ignorancia que as converte en vítimas de todas as inxustizas, e tamén, non o esquezamos, sobre a tolerancia do mundo occidental, que tende a ollar para outro lado.

Podedes ler outras Cousas de Castelao ou ver outras actividades no galego. eu, e neste blog.

No hay comentarios:

Publicar un comentario