27.10.12

MOROGOS CAÍDOS

Cando en 1º de BAC traballamos a influencia das linguas de substrato no léxico galego, díxenlles ós meus alumnos que mirasen o érbedo do xardín do Instituto, e os seus froitos: morotes, morogos ou amorodos, porque algo teñen que ver co tema. Non sei se o fixeron.

A min hoxe chamoume a atención ver moitos morogos, así lles chamei eu sempre, tirados no chan, debaixo do érbedo.Vede as fotos:




Como non os comerán os paxariños que visitan o xardín? Terán medo a emborracharse? Seica teñen alcol. Había xente que llos botaba ó viño para que tivese máis graduación; iso me contaban.






Nun dos poemas de Eduardo Pondal aparece o érbedo:

[ESQUIVA RAPACETA]

Esquiva rapaceta,
coma do toxo a fror,
tan pura coma as frescas
augas de Riobóo;
(río de Bergantiños,
xentil e soador,
cando da Baiabosa
sae con rouco son,
antre miúdos seixos
de branca e leda cor,
buscando o brando seo
do seu maior o Anllóns)
¿de onde tirache, nena,
tan dura condición?
Non negues, non, meniña,
o que, pra darse, dou;
cata ben que ofendido
non te castigue Amor:
o trigo é para o fouce aguzada,
o érbedo verde ten súa zazón.

Chégase o doce figo
polo seu tempo bóo,
baixo a materna folla 
de prácido verdor,
e daquel que ten fame
en fuxir non pensóu,
e ben furtarse deixa
do natural ladrón:
a mazán no seu árbre
soña cun furtador:
non fuxas, rapaceta, 
tenros abrazos, non;
non negues de natura
o que, pra darse, dou;
non evites esquiva
as doces leis de amor:
o trigo é para o fouce aguzada,
o érbedo verde ten súa zazón.

Non foxe a vaga poldra,
que da ponte Arantón
pace na esquiva gandra
o novo toxo mol, 
cando de lonxe sente
a penetrante voz
(que lle chega hastra os ósos)
do seu doce amador;
e espera a quen a busca,
pero non foxe, non;
nin nega o que natura, 
pra non negarse, dou,
mais ó xugo se rende
do caro vencedor;
negar é crueza,
ceder é razón:
o trigo é para o fouce aguzada,
o érbedo verde ten súa zazón.

Queixumes dos Pinos e outros poemas. Eduardo Pondal. Edicións Castrelos. 1975.

No texto que aparece na Biblioteca Virtual Galega figura: o trigo he para a fouce aguzada. Fixádevos na concordancia e no verbo.

Se queredes saber máis sobre o érbedo, a súa relación con Xerión e outras cousas de interese, entrade en Groucho.

No hay comentarios:

Publicar un comentario