16.4.13

ROBERTO VIDAL BOLAÑO. RASTROS




Rastros é unha das obras de Roberto Vidal Bolaño, subtitulouna desgracia en catro tempos e unha presada de recordos. Esta obra foi estreada polo TEATRO DO AQUÍ o 19 de marzo de 1998 na Casa da Cultura de Vilagarcía de Arousa, coa colaboración do IGAEM e do Concello de Vilagarcía de Arousa, baixo a dirección do propio autor.

Déixovos aquí o principio desta obra:

TEMPO 1


Dende o máis profundo do escuro chega o relembro das voces duns nenos.


Voz neno un: ¿Qué pensades ser cando sexades maiores?


Voz neno dous: Calquera cousa.  Xefe, por exemplo. Son os que máis gañan e os que menos traballan.


Voz neno tres: Eu serei explorador. Ou inventor. Ou descubridor de algo.


Voz neno un: Eu o único que quero cando sexa maior, é que non haxa nunca escola.


Voz neno tres: ¿E ti, Esther?


Voz de nena: ¿Eu?


Voz neno tres: Si, ti.


Voz de nena: Libre, coma os paxaros …


Un leve fiiño de luz fai xurdir da nada o rostro olleiroso dunha muller á que un desleixe de anos fai aparentar máis idade da que de certo ten.


TEMPO 2


É Esther. Viste con descoido, trae o mirar desacougado, vén descalza e acariña un zapato negro entre as mans.


Esther: … e voar de póla en póla sen apousentar de mais en ningunha. ¡Fai falla ser jilipollas! ¡Pobre Esther! Precisaches media vida para descubrir que ata aos paxaros se lle cansan as azas. Ou se lle tronzan. Sen outro miramento que o de que, malia todo, poidan seguir piando. (Ponse a piar coma un paxaro) ¡Deus Santo! ¿Cómo se pode ser tan estúpida? Escoitáralles dicir tantas veces que todo acabaría indo a mellor… que non era posible que foramos sempre os mesmos os perdedores que cheguei crer como unha parva que palabras como: esperanza, liberdade, xustiza, amor, patria ou amizade… non significaban o que a vida me cuspía na cara a diario, senón as parvadas que aínda hoxe pode ler calquera nos diccionarios. Mesmo… ¡Cada vez que o penso cústame conter o riso! … cheguei aprender algunhas delas de memoria. (Con ironía) Amor: Sentimento afectivo que busca o ben para si e para os outros. Liberdade: Facultade pola que unha persoa decide o seu modo de actuar sen determinacións exteriores. Esperanza: Confianza en que se vai conseguir o que se desexa. Patria … ¡Menuda palabriña! É tan imprecisa e enche tanto a boca, que o mesmo val para o nobre que para o deleznable. A miña única patria foron os amigos: Iago, Moncho, Xan… Pero mesmo dos amigos me fun vendo privada. Iago cumpre condena en Alcalá-Meco. Fun velo algunha que outra vez. Non moitas. Madrid, malia as autovías, segue caendo moi lonxe. Moncho xa non me escribe poemas encendidos. E Xan… ¡pobre Xan! Nunca debeu deixar de aseñorear as rúas co seu sombreiro portugués de aba ancha.

Fixádevos que Esther está descalza e acariñando un zapato. Na obra aparece: "O do zapato é a primeira vez que me pasa. Téñenme faltado outras cousas, pero sen elas pódese andar polo mundo. O do zapato é diferente. ¿ A onde se pode ir cun só zapato? Un sen o outro non é nada. É coma un corazón sen sangue. Unha casa sen teito. Un corpo sen o corpo de quen desexas alí, ao lado. O do zapato nunca me pasara. Xuro que non me volverá pasar".

Se queredes saber por que perdera o zapato, non tedes máis que achegarvos á obra e resolverédelo.  Ou non o perdera?

No hay comentarios:

Publicar un comentario