O fiollo (fiúncho) e o viño tinto seica foron bos aliados nos sistemas de curación tradicionais.
Consultade a Wikipedia.
Ó ver esta mata de fiollo, nacida entre pedras e cemento, lembrei algo sobre o que eu investigara hai anos. Consultei o que aínda conservaba e hoxe quero deixarvos aquí o que me explicaron sobre as distintas formas de curación do COXO:
O coxo
(pezoña, colleitizo) é unha erupción granular cutánea ocasionada polo contacto co veleno de certos animais e insectos: araña, cobra, lagarto, sapo, píntega
(salamántiga)...
Hai quen
coñece distintas formas de curación do coxo; Cando preguntei na aldea,
dixéronme que, se é un coxo de araña, pode curarse cunha vasoira que se debe
pasar polo lume e logo pola zona afectada dicindo:
Coxo, recoxo
vaite
deiquí
que
a vasoira do lume
anda
atrás de ti
Se é de
cobra, dixéronme que se cortará (tallará, coutará) pasando fiollo mollado en
viño tinto pola zona afectada, e dicindo:
Polo puente de Zarandón
unos
pasan y otros non
decían
unos a los otros
¿Que
mal hai del culebrón?
viño
tinto con fiollo
para que non creza nin enviveza
nin xunte o rabo coa cabeza
Consideran
válido para todas as erupcións o que se corta utilizando dous ou tres dentes de
allo, e lardo de porco, esmagado todo xunto, e tamén nove trapos de liño. Debe
untarse tres, cinco, sete ou nove días, dependendo da gravidade, ou incluso máis,
sempre números impares; cada día farase nove veces, utilizando cada vez un
trapo de liño con lardo e allo; pode substituírse por aceite rustrido co allo.
As
palabras que deben dicirse ó facer a untura, son:
Se es de araña, vaite á palla,
se
es de lagartiña, vaite á buratiña,
se
es de lagarto, vaite ó burato,
se
es de sapo, vaite ó covato,
se
es de pinta, vaite á cortiña,
se
es de cobra, vaite á toxa,
e
todos os bichos do monte se tollan eiquí
Nunha
aldea próxima, unha persoa que cortou o coxo moitas veces, explicoume que para
cortalo hai que utilizar nove trapos de liño, nove lascas de allo, e aceite
rustrido (gasas esterilizadas tamén serven).
Úntase,
cos trapos mollados no aceite, a zona próxima á afectada, non debe facerse
sobre o coxo porque se "recolle", e ,á vez, hai que dicir:
Coxo, recoxo
vaite
deiquí
que
a vasoira de varrer
anda
após de ti,
pola
gracia de Dios
y
de la Virgen María
canto
lle pedía,
todo
me concedía,
os
santos e as santas deste día
cun
padrenuestro
e
un Ave María.
Explicoume,
tamén, que se corta durante nove días e, se fose moi vello, dezaoito. Segundo
ela, débese rezar con devoción o “Padrenuestro” e a Ave María.
Esta
fórmula serve para calquera tipo de coxo. Cando se remata de tallar, hai que
queimar os trapos e o aceite.
Fixádevos na mestura de frases en galego e en castelán e nos dialectalismos.
Déixovos, tamén, esta informacion tomada da BVG. Cuestións arredor da historia cultural do viño, de Xavier Castro.
"Era o viño tinto o que se empregaba como remedio para os catarros (ás veces quente e
con sucre) e como reconstituinte. En xeral se Ile atribuían maiores virtudes
sanadoras e terapéuticas que ó viño branco e dende logo a súa presencia na farmacopea
da menciña popular á moi ampla. Por citar algúns exemplos do emprego do viño
tinto como axente terapéutico, sinalemos que en Beariz (Ourense) se curaba o
mal de aire mollando en viño tinto un hisopo vexetal feito de fiúncho. X. R.
Mariño Ferro recolle en La medicina popular interpretada que en Forcarei
disciplinaban a parte enferma azoutándoa de xeito livián con tres ramiños de
fiúncho, mentres recitaban":
"Te bendizo, te disciplino
con tres ramiños de fiollo e viño tinto do Ribeiro Pola gracia de Deus..." |
No hay comentarios:
Publicar un comentario