Ó ler a entrada que Marisa fixo sobre a pedra do tangaraño, chea de sentimentos e lembranzas, tamén eu recordei algo que escribira hai anos para non esquecer o que me contaban na aldea. Aquí volo deixo:
O ENGANIDO OU TANGARAÑO
Cando a
xente fala do enganido ou tangaraño (tarangaño, din moitas veces), e se lle
pregunta en que consistía, todos afirman que era o que padecían os nenos que
non saían do que eran: débiles, diminuídos, sen forza; probablemente fose un
caso de raquitismo: enfermidade infantil provocada por unha defectuosa
mineralización dos ósos e falta de vitamina D.
Contáronme
que levaban o neno enfermo a unha carballeira na que houbese un carballo con
gallas; alí, dúas irmás, entre as que non nacese un home, e despois de comer
unha libra de pan, dispúñanse a cortar o enganido.
Unha
veciña explicoume a forma de facelo e díxome que ela o fixera.
Cada irmá
estaba dun lado do carballo, pasaban e repasaban a criatura, dunha á outra, por
entre as gallas e dicían:
-Miña
irmá, mira o que che dou.
-O
enganido e engarillado.
-Tu lo
recibes sano y vivo
pola
gracia de Dios
y de la
Virgen María.
un
Padrenuestro y un Ave María
ofrecido
al santo de este día.
( Fixádevos
no uso da lingua)
Ó neno ou
nena que se quería curar quitábaselle a roupa que levaba e poñíaselle outra; algúns falan de que se queimaba a que lle
quitaban; a miña veciña explicoume que quedaba alí ata que pudría.
Taboada
Chivite chámalle a este rito, rito de
paso porque o enfermo é pasado a través dunha árbore fendida, das gallas
dun carballo ou por unha pedra furada, como o Penedo Vigón que está á beira da
ermida de San Benito de Coba de Lobo. Explícanos, no seu libro Ritos
y creencias gallegas que a nai lle pasaba a criatura á madriña,
dicindo:
Señor
San Bentio,
meu
fillo che traio;
doente
cho deixo,
devólvemo
sano.
Dá no
mesmo libro outras versións. Fala tamén do cambio das roupas vellas, polas
novas, e tamén di que, ó final, facían un nó en calquera xesta. Volvían ó pouco
tempo e se a xesta secara, o neno morría, pero se estaba vizosa, curaba.
No hay comentarios:
Publicar un comentario