Os alumnos de 1º ESO ides ler nesta terceira avaliación Recinto Gris de Ledicia Costas.
Mentres non mercades o libro, podedes ir lendo un anaquiño. Así ides
coñecendo os soldados lobo, un exército que foi adestrado para conseguir
unha sociedade perfecta na que sobran todos os diferentes: "Tiñan
instrucións claras que cumprir: colleren aqueles que perturbaban o
equilibrio social, metelos nos camións e trasladalos a Recinto Gris, un
lugar habilitado para aloxar os que non encaixaban no seu deseño". Supoño que estaredes de acordo comigo e pensaredes que os que sobran son eles e os que os adestraron.
Ó ler o libro ides descubrir quen son os diferentes, como vivían e como
viven en Recinto Gris, como son tratados polos soldados lobo, e que
ocorre ó final. Ata os intelixentes son diferentes!
Na páxina 21 podemos ler:
Levaban uniformes negros cun ese vermello
no peito e portaban fusís de asalto. Pero a vestimenta e as armas non
eran o que máis asustaba dos soldados. Nin sequera a súa tremenda
constitución. O que verdadeiramente asustaba eran as súas cabezas. Tal e
como dixera a señora Lola, non eran deste mundo. Tiñan corpos de home,
andares de home, brazos e pernas de home. Mais as súas cabezas, con esa
mirada intensa e feroz das bestas salvaxes, superaban todo o imaxinable.
Eran enormes cabezas de lobo.
Aqueles soldados lobo eran máquinas da guerra quente, da guerra que arde e se estende ao compás da pólvora, alén das fronteiras.
E agora unha historia que aparece no libro. Quen a conta? Ten algo que ver co desenvolvemento da acción?
Hai unha historia antiga que conta que,
hai moitísimos anos a lúa enguedellouse unha noite entre as pólas dun
frondoso salgueiro. Un fermoso lobo branco atopouna e empezou a xogar
con ela, liberándoa da súa soidade e do enguedello. A lúa pregoulle que
non marchase, que quedase con ela para sempre e ofreceulle a
inmortalidade. Así permanecerían xuntos ata a fin dos tempos. Pero no
medio da noite, o lobo fuxiu ao encontro da súa manda, atraído polos
ouleos dos seus conxéneres. A lúa, furiosa, rouboulle a sombra para
facelo comprender as dimensións da soidade. Desde entón, o lobo ouvea
todas as noites pedíndolle que lla devolva.
Pensaría Ledicia Costas no poema de Curros, ÓS MOZOS, cando escribiu esta obra. Eu fíxeno.
Mociños honrados
de sangue bravía,
si ó mal dos petrucios non fordes alleos,
librádeos da morte,
¡facéi montería
nos lobos da terra, nos lobos dos ceos!
Aires da miña terra e outros poemas, Colección Pombal, 1975
Pensaría Ledicia Costas no poema de Curros, ÓS MOZOS, cando escribiu esta obra. Eu fíxeno.
Mociños honrados
de sangue bravía,
si ó mal dos petrucios non fordes alleos,
librádeos da morte,
¡facéi montería
nos lobos da terra, nos lobos dos ceos!
Aires da miña terra e outros poemas, Colección Pombal, 1975
Entrevista de Montse Dopico
Crítica de Xosé Manuel Eyré.
Recensión crítica de Manuel Rodríguez Alonso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario