9.3.14

ROTEIRO POLA VIDA E OBRA DE CARLOS CASARES

Levamos xa unha ducia de anos sen Carlos Casares, morreu o día 9 de marzo de 2002. O Liceo de Ourense, a Fundación Carlos Casares e a Editorial Galaxia presentaron onte o Roteiro pola vida e obra de Carlos Casares. Unha boa forma de homenaxealo. Nesta presentación ata puidemos escoitar a súa voz.


Asistín á presentación deste roteiro e tamén fixen unha parte do mesmo. Cando as 19 placas estean preparadas xa poderemos facelo todos os que queiramos. O roteiro completo pode resultar un pouco longo aínda que está prevista unha parada na sala de Carlos Casares, no Liceo.
Comezaría no edificio do antigo Hotel Parque e remataría na Praza Maior. A última placa vai estar na Reitoral de Beiro, centrada na novela O sol do Verán.

Podería escoller o texto de calquera das placas que se colocarán deica uns meses, nas que van aparecer anaquiños de Vento ferido, Ilustrísima, Xoguetes para un tempo prohibido, Deus sentado nun sillón azul... pero vou deixarvos este: "Néboa". Á marxe, La Voz de Galicia, 24 de outubro de 1998. Aparecerá na Parada nº 6 e a placa colocarase no Paseo, esquina Banco de España.

Nos meus anos de estudante en Ourense, alá pola década dos cincuenta, había unhas néboas tan densas que impedían ver un burro a poucos pasos. Non estou usando ningunha hipérbole. Ás veces tiñamos que interromper os partidos de fútbol porque resultaba imposible saber que sucedía na portería contraria ou adiviñar por que parte do campo andaba o balón. Mesmo na rúa do Paseo, no centro da cidade, resultaba imposible distinguir os amigos ata que se atopaban a uns poucos metros de distancia. E desde o alto do Montealegre ou de Ervedelo, non se vía outra cousa que un mar de néboa espesa, como se debaixo non houbese nada.
O feito de que tivesen que interromper os partidos de fútbol non me gustaba, pero o espectáculo de ir pola rúa, vendo como a xente aparecía de súpeto, como se saíse ás atoutiñas dun mundo de pantasmas, parecíame excitante e marabilloso. Lector contumaz de Sherlock Holmes, non me custaba moito deixar que a imaxinación construíse pequenos contos, historias imposibles, novelas de medo.

CARLOS CASARES  neste blog.

2 comentarios:

  1. Velaquí tes o teu soño cumprido, ás veces pasa.

    ResponderEliminar
  2. Eu desexaba que este roteiro se recuperase. Falaramos diso nos comentarios da entrada "Carlos Casares. O alquimista Caaveiro". Desde esa xa pasaron dous anos!

    ResponderEliminar