18.4.14

SAÍDA DIDÁCTICA A LUGO

 
Algúns alumnos de 2º ESO visitastes o Museo de Lugo e O Centro de Interpretación da Muralla. Do resto da cidade, da catedral e da muralla tamén vimos algo. Eu déixovos algunhas fotos e vós ides contar como vivistes a actividade.



Museo Provincial


Clausto do Museo


Buscando a cabeza de Cascarilla no pozo do Claustro


Fachada principal da Catedral


Todos diante da porta románica da Catedral


A muralla


Opinión de Laura:

A viaxe que fixemos o 7 de abril a Lugo foi moi entretida. Primeiro fomos ao Museo Provincial, onde tivemos que realizar unha actividade que consistía en responder a unhas preguntas, baseándonos nun libro que xa tiñamos lido: Contos de medo no museo, e a outras, buscando distintos obxectos nas distintas salas do mesmo.

Despois desta visita fomos ao Museo de Interpretación da Muralla, alí coñecemos toda a historia da muralla de Lugo, e, ao saír deste museo, fomos pasear pola muralla.Tamén fomos á Catedral pero non estivemos moito tempo.

A partir das dúas estivemos dando unha volta por Lugo. Foi unha gran experiencia. Divertinme moito nesta viaxe e aprendín moitas cousas sobre Lugo.

Opinión de Felipe:

Gustoume moito a viaxe que fixemos a Lugo; as actividades que fixemos no Museo Provincial  foi o que máis me gustou. Como xa tiñamos lido o libro, as actividades foron fáciles. Non puidemos visitar todas as salas do museo porque tiñamos un tempo limitado para realizar aquelas actividades propostas. Gustaríame volver e poder visitar, por exemplo, a cociña e a biblioteca.

O segundo que máis me gustou foi a visita ao Centro de Interpretación da Muralla de Lugo e, despois de coñecer algunhas partes da muralla , poder ir velas na propia muralla, como, por exemplo, as escaleiras e os lugares onde estaban situadas as torrres defensivas.

Opinión de Ricardo:

Eu penso que foi unha actividade moi interesante e moi divertida. A ruta  polo Museo Provincial foi moi entretida xa que as preguntas eran completas e algunhas tiñan trampa.

Gustoume tamén ter que traballar en grupo e ademais que os grupos fosen equilibrados e non fosen os de sempre. No meu grupo todos aportabamos algo, algún buscaba no libro mentres outros buscaban nas vitrinas e nas distintas salas.

Despois de estar no Museo provincial fomos ao Museo de Interpretación da Muralla; foi unha visita curta pero na que aprendín bastante sobre a importancia da muralla para Lugo e como, co paso do tempo, nós mesmos eramos os culpables da súa destrución. Por sorte agora está en bo estado. É moi bonita a paisaxe vista desde a muralla.

Despois, no tempo libre, paseamos pola cidade e sempre se vían esculturas, edidficios importantes, a catedral... nese sentido a cidade era moi bonita. Unha lástima que estivese todo mollado pola chuvia!

Opinión de Pablo:

O luns, sete de abril, Os grupos A e E de 2º ESO vivimos unha experiencia única: coñecemos as construcións máis destacadas da cidade de Lugo.

Partimos ás 8'30 e, despois dunha hora e media de viaxe en autobús, chegamos.Visitamos a Catedral. Alí fixemos tempo, pois a verdadeira actividade era un pouco máis tarde. Entramos á catedral, pero, como estaban na misa,  houbo partes que non puidemos ver.

Ás 11, un grupo foi ao Museo Provincial de Lugo e outro foi ao Museo de interpretación da Muralla. Para facer a actividade do Museo Provincial antes tivemos que ler Contos de medo no museo e expoñer un traballo en  clase sobre el. Formamos grupos de cinco e, en menos dunha hora, tiñamos que responder a vinte preguntas, as de cada ruta literaria que lle tocara a cada grupo. Cada ruta trataba sobre as aventuras dos personaxes dun dos catro contos que lemos. A proba foi interesante e divertida.

Máis tarde no Museo de Interpretación da Muralla explicáronnos, por medio de tres vídeos, a historia da muralla e a importancia que ten para a cidade. A continuación visitamos a muralla para comprobar o aprendido, percorrendo un tramo pequeno da mesma.

Desde as dúas ata as catro tivemos tempo libre. Xuntámonos os amigos, xantamos e paseamos polas rúas de Lugo. O meu grupo xogou nun bambán en forma de cesta. Pasámolo moi ben. Regresamos no autobús algo cansos e con sono. Chegamos a Ourense ás 17:40. Foi o mellor luns do trimestre.


No hay comentarios:

Publicar un comentario