Se visitamos Compostela e nos achegamos á Alameda, é imposible non ver a estatua d'As Dúas Marías. Iso é o que lle pasa a Constantino, un personaxe da novela Os elefantes de Sokúrov, de Riveiro Coello:
Foto da wikipedia
"Dende a Alameda contemplo como a catedral impón a súa monumentalidade sobre
os tellados e, extasiado, sigo camiñando, aspirando o cheiro a herba mollada
que flota no aire e deixa esa sensación doce e estraña de quen atravesa un
soño.
A xente avanza baixo os paraugas, allea á cidade e á silueta descarnada
dese can que se detén diante da estatua das dúas Marías, esas tolas alegres que
arrastran tras de si unha historia de represión política. Un vello da rúa do
Franco contoume nunha ocasión que
coñeceu as dúas, a Coralia e Maruxa, e que era todo un espectáculo velas
camiñando nos anos cincuenta e sesenta co colorido das súas roupas entre un
ambiente tan gris coma o que proxectaban a pedra e unha posguerra na que todo o
mundo vestía roupa escura. Ese descaro luminoso debeu de ser a súa forma de
rebeldía polas torturas e violacións que, segundo contan, deberon de sufrir ao
se negaren a cantar o paradoiro dos seus irmáns anarquistas. Gustaríame poder
coñecelas e escoitar a traxedia da súa historia, que as facía aparecer polas
rúas da zona vella ás dúas en punto da tarde. Quizais a súa tolemia só era un
mecanismo de supervivencia. Non o sei."
OS ELEFANTES DE SOKÚROV. Capítulo IV, 2ª parte. Constantino en Compostela. Páxina 171.
Eu coñecín As Marías na década dos 70. Sempre que as vía, fixábame nas súas roupas de cor e nas súas sandalias e zapatos pero o que máis me chamaba a atención era a súa maquillaxe. Eu tiña a sensación de que aquelas dúas mulleres que paseaban de ganchete non eran de carne e óso, parecíanme de porcelana ; ese é o recordo que teño delas.
Debo dicir que non souben daquela o porqué da súa tolemia e tampouco o indaguei. Hai pouco, lendo unha entrada e un comentario do blog Tirar do fío, de Helena Villar Janeiro coñecín o drama que viviran.
A novela Os elefantes de Sokúrov volveu facerme pensar n'As Marías e na súa historia tráxica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario