15.6.16

AS HORAS ROUBADAS. MARÍA SOLAR


Onte asistín á presentación d'As horas roubadas de María Solar, na librería Nobel de Ourense. Alí estaban  a autora, o editor Manuel Bragado, e a xornalista Raquel Feijóo.


Eu acababa de ler a novela e quedara moi satisfeita polos temas que desenvolve, por como os desenvolve e polas reflexións que a lectura nos invita a que vaiamos facendo.

Cando cheguei á librería non puiden deixar de admirar o escaparate. Tiñan que ter lida a novela para levar a cabo tal ambientación.  Foi unha pena que non houbese unha televisión en branco e negro! Cando leades a novela entenderedes por que o digo.


A análise que Raquel Feijoo fixo da novela podedes lela en Tempo de lecer, e tamén a entrevista a María Solar.

Vou deixarvos un anaquiño da obra que eu tiña subliñado e que ademais coincide cun dos textos que a autora leu na presentación:

"Ninguén pode xulgar outra persoa. Ninguén pode entender as decisións, o comportamento, o pensar doutro. Ninguén pode criticalo, nin censuralo sen estar na súa pel, sen vivir o seu  pasado e o seu presente. Porque todos temos dentro normas, un guieiro que nos dirixe, sexamos ou non conscientes. Porque cada vez que eliximos, cada vez que decidimos hai un mundo de pantasmas ocultas que falan e deciden por nós. Que nos marcan o que debemos facer. Que distinguen entre o esperado, o útil, o respectado, o recomendado, o digno, o recto e unha longa lista de adxectivos para discernir entre o que convén e o que non convén na vida."

Estou segura de que vai ser unha novela da que se vai falar dabondo. Animádevos a lela!

María Solar deséxame na dedicatoria do libro que roube moitas horas para ser feliz. Outro tanto vos  desexo a todos os que me leades. Que pasedes unhas boas vacacións!



2 comentarios: