20.6.17

MARÍA VICTORIA MORENO. LETRAS GALEGAS 2018



Hai uns días no Pleno ordinario da RAG adoptouse a decisión de dedicar o Día das Letras Galegas de 2018 a María Victoria Moreno Márquez.

No curso próximo volveranse traballar algunhas das súas obras. Eu fíxeno hai moitos anos. Anagnórise foi libro de lectura obrigatoria ou optativa. Non me preguntedes en que curso porque xa non o lembro pero o meu libro está cheo de subliñados e de anotacións, e iso era o que facía cos libros que lles mandaba ler, ou lles recomendaba que lesen, ós meus alumnos. Sería a principios dos 90 e eu daquela aínda traballaba en Formación Profesional.

Gedellas de seda e liño consérvoo dedicado; foi un regalo dunha amiga que se encargou de compralo e de pedirlle á autora que mo dedicase. Xa sabedes que para min os libros dedicados teñen un valor especial. Unha manía coma outra calquera! 

Un anaquiño de Eu conto, ti cantas...

Se un borracho perdido
chora e tropeza
un farol moi sensible
baixa a cabeza...

   E dálle un bico
   de luz porque lle doe
   velo aflixido.

O borracho salouca
e o farol fala
de estrelas, de amenceres
e de esperanzas.

   Di que na noite
   o día escolle e pinta
   as súas cores.


No hay comentarios:

Publicar un comentario