Comecei o domingo, día 15 de novembro, con moita alegría e remateino con moita tristeza.
De mañá, marchamos cara o Museo do Mar de Galicia para poder ver o Pergamiño Vindel de Martín Códax; como había unha visita guiada á unha, primeiro visitamos as distintas dependencias do museo. Moi recomendable, por certo.
Cando por fin puidemos acceder á parte onde se expón o Pergamiño, como aínda non era a unha, non lle fixen caso as frechas que nos guiaban polo museo e fun correndo en busca do que quería ver; xa vería despois as cincuenta pezas que acompañan o Pergamiño Vindel para contextualizar a época : o bifolio das Sete Partidas de Afonso X, un facsímile das Cantigas de Santa María de Afonso X, un facsímile do Cancioneiro de Ajuda, un libro de Cicerón coma o que estivo forrado polo Pergamiño, esculturas, reproducións de instrumentos musicais...
A verdade é que fun dereitiña onda el; ó velo, sentín unha fonda emoción; alí estaba nunha urna ben protexido e disposto para que o puidésemos admirar, fotografalo e intentar lelo.
Cando chegou a hora da visita guiada, vin tódalas pezas con axuda dun guía e volvín ver o Pergamiño, ata puiden comprobar o ben que se podía ler cuns óculos que o guía lles prestaba ós máis interesados.
Hai moitas pegadas de Martín Códax na cidade de Vigo: unha escultura, unha praza, unha rúa, un mural, un colexio e tamén un monumento homenaxe á rica cultura oral de Galicia e a poetas e trobadores medievais que cantaron ó mar de Vigo: a escultura d'A fada e o dragón, de Quessada, que podemos ver no Paseo de Alfonso. A min lembroume o monumento ó cómic que temos en Ourense.
Eu penso que vai deixar unha fondísima pegada na cidade de Vigo, e en
toda Galicia, a visita da obra de Martín Códax, o Pergamiño Vindel. Pena que non
poida quedar con nós!
O día remateino con moita tristeza, rabia e impotencia porque Galicia ardía, ardía xente, casas, negocios, montes... e todos nós sufriamos a traxedia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario