13.3.18

O SONO DAS SEREAS. XOSÉ A. NEIRA CRUZ



Se lemos O sono das sereas, de Xosé A. Neira Cruz descubriremos o misterio da Casa do Sono. 

do misterio

da Casa do Sono poderíase escribir unha boa historia, se alguén fose quen de se parar a xuntar fíos e tecer toda a trama. Se houbese alguén, tamén, disposto a contarlla ao relator, cousa que, no tempo que levo aquí, eu non conseguín. Casar un dixomedíxome de aquí cunha latrica de alá non leva a ningures, e iso é o que eu teño, e tampouco fixen por ter máis. Aviado ía se me metese por eses lameiros co que se coce en cada familia. Pero nese tema hai unha sombra de medo que fai pechar as bocas ou dicir o xusto, o que as linguas, malia o tabú soldado, non son quen de calar, porque hai un pracer demasiado poderoso en guindar a pedra e deixar aberta a porta da sospeita. (Páx. 49)

Este é o comezo do capítulo da páxina 49. O que aparece en negriña é o final do capítulo anterior e o inicio deste. O autor obríganos a lelo dúas veces, para rematar un  e comezar outro.

Ó ir lendo esta novela breve, iremos descubrindo voces distintas. Nas primeiras páxinas, como aínda non as coñecemos e se van intercalando, hai que prestar moita atención pero logo a narración préndenos e queremos seguir lendo e lendo sen descanso. Pouco a pouco iremos coñecendo a Paula, unha doutora que chega á Costa da Morte para atender a unha moradora da Casa do Sono; a Gloria, unha restauradora que se vai ocupar do retablo da igrexa de Traba e a Pedro o crego da parroquia. Os tres van contribuír a develar o  misterio da Casa do Sono.

Descóbrennos ese misterio pero os seus propios misterios quedan parcialmente ocultos. Intuímos as peripecias vitais de Paula e Gloria pero é máis difícil intuír o pasado de Pedro. Os tres teñen en común o desacougo e a insarisfacción persoal pero eu creo que o feito de encontrarse, contribúe a que a dor sexa máis levadeira.

Non dixemos nada de Luz, outra personaxe importante na novela, pero o seu misterio desvelarédelo cando leades esta obra de Neira Cruz. Que vos guste!

No hay comentarios:

Publicar un comentario