6.12.18

OS BICOS FERIDOS. ANNA R. FIGUEIREDO



Os bicos feridos é a novela coa que a súa autora, Anna R. Figueiredo, gañou o Premio Viadutos de novela 2018.

Hai uns días rematei a súa lectura. Pareceume unha novela complexa pero prendíame, turraba por min para que fose descubrindo o que nela se conta.

Gustoume a mestura de realidade e fantasía presente na obra. A situación dos emigrantes no Reino Unido, e todo o que os rodea, está aí; pero tamén esas bolboretas que producen uns efectos moi especiais. Xa veredes cando a leades! Qizais a isto se lle poida chamar Realismo Máxico? 

Para min a emigración é un tema importante, pero importantes tamén son outros moitos temas, de agora e de sempre: A importancia das redes sociais e a dependencia, case enfermiza, dos móbiles, a complexidade das relacións familiares, o sexo, o amor, máis ben desamor, a soidade, o medo á enfermidade e á morte... E todo iso adobiado con moita música.  

Hai moitos personaxes, coas súas peculiaridades, na novela, pero chamáronme a atención especialmente aqueles que manifestan unhas ansias terribles de medrar, que aspiran á gloria a costa de quen sexa e valéndose do que faga falla. Cando coñezades a Emma Santos saberedes de que estou a falar. E non é a única. Se teño que escoller, diría que os meus preferidos son Samuel e Nora porque me fan crer que hai mozos que queren facer o ben e denunciar o que está mal.    

Chamoume moito a atención o emprego dunha linguaxe propia das ciencias, tecnicismos,  pero que está perfectamente integrada no que se está a contar e é acorde coa preparación de quen a emprega. Estou segura de que isto van gozalo moito máis os que dominen ese tipo de linguaxe, porque van descubrir a verdeiro significado das palabras.

Gozade coa lectura desta obra e  xa iremos escoitando os críticos,  a ver que nos contan!

 E facendo honor ao título, un anaquiño da novela:

Por iso os bicos saben a pan de millo, a fume de batea, a amoníaco nos corredores de instituto, a borralla cando non son compartidos, que se rouban, e a música cando o corazón latexa desbocado pedíndolle ao tempo que non avance.

O tempo, que queda fóra do sistema de referncia, avanza. O tempo, e as cancións avanzan. (Páxina 158)

  
(Páxina 158

Entrevista de Montse Dopico  a Anna R. Figueiredo.

Presentando unha nova narradora: OS BICOS FERIDOS, de Anna R. Figueiredo. Xosé M. Eyré.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario