5.9.11

A VIRXE DO CRISTAL E UNHA VELLA CAÑOTA.

Relendo A Virxe do Cristal de Curros Enríquez, ó chegar ós versos nos que se describe a tempestade e se nos explica que Martiño se protexe da mesma no ventre dunha cañota cóncava, lembrei unha moi vella que me foi e me é moi familiar por pertencer ó meu entorno. Cantos anos terá? Gustaríame sabelo.

No poema de Curros lía:

Levaba xa Martiño,
rapaz de moito aguante,
sete horas de traballo seguidiño,
cando nesto, de vento un remuíño
ergueu a terra pola veiga adiante.
A densa polvareira
oscureceu o sol por un istante,
i estremecendo val e carballeira
rachou a negra nube de Levante
o rouco son dun trono frameante.
 
As gárgolas do ceo
esgazáronse entón e do seu seo
tanta chuvia mandaron
que as hortas se arrasaron,
o río esbordou, cheo,
i os álbores i as prantas esfollaron.
Na tempestade aquela
caía com’ on raio cada gota
i en ningures se viu outra como ela.
 
Martiño, arripiado,
no ventre se meteu dunha cañota. 

A cañota que lembrei quixen vela, había anos que non me fixaba nela, atopeina oculta por loureiros, silvas, frouma e corriolas; non sei se fixen ben pero quería descubrir o seu interior, o seu ventre como di Curros, e tiven que abrir camiño.
O resultado podedes velo nestas fotografías:


Tamén lembrei que, nunha viaxe que fixemos cos alumnos a Celanova e a Vilanova , puidemos ver a imaxe da Virxe do Cristal. Curros descríbea así:

Era unha pedriña pedra,
era unha pedra pedriña,
com’ un ovo de galiña
tallado en fino cristal;
unha pedra primorosa,
elíptica, limpa, pura,
de artificio e soldadura
sin siquera unha sinal.
 
Mirada dendesde lonxe
reloce com’ un diamante,
parece de algún xigante
ollo sin párpado, atrós;
pero mirada de preto,
sospende, ademira, espanta,
vendo nela a imaxe santa
da bendita Nai de Dios.

A imaxe que o crego traía no peto e que suxeita na súa man é esta. A foto non é boa pero serve para ver as coincidencias coa descrición de Curros; temos que prescindir de todo o que rodea o oviño de cristal coa Virxe dentro.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario