Na guía de recursos de 1º ESO do Obradoiro Santillana, no apartado de comprensión lectora, aparece unha adaptación do conto O vello que quería ver o tren pertencente á obra Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste.
Déixovolo aquí para que o vaiades lendo:
O VELLO QUE QUERÍA VER O TREN
Eran de alá da montaña... Dunha desas aldeas de nome bravo e silvestre que repousan perdidas entre calados cumios. Longa viaxe fixeran –no rexo carro de bois, que rinchaba, xemía e daba tombos polos agres camiños montesíos– para lle dar cumprimento ao antollo do vello!
Moito tempo tivera secreto aquel desexo. Un día, coa mimosa curtidade dun neno que pide unha lambetada posta, coma nun altar, nos máis altos andeis do armario, o avó tatexou o seu capricho. El nunca vira o tren. El non quería morrer sen ver o tren. A filla e o xenro riron boamente daquela tolaría. O pobre vello, non tiña volta, estaba xa un pouquiño lelo. Pasaba a vía tan lonxe! E ademais, que demos lle importaba aos seus anos ver o tren? En troques, o neto púxose da parte do avó. E petou teimudamente cos zoquiños no chan: Eu quero ver o tren! Eu quero ver o tren!
Catro reflexións ao vello e catro azoutas ao pícaro e todo quedou en nada pola primeira vez. Pero repetiuse a escena. Soubo o cura do conto e, con aquela calma do abade experimentado que comprende e transixe, volveu polo avó e o neto. Que diaño! O vello estaba rufo, curado polo sol e o arume dos piñeiros e non había de rendelo moito a viaxe.
Así foi que puxeron no carro un feixe de palla para asento do vello, meteron nun garabelo unha forte merenda, e moi de mañá puxéronse en camiño, ata chegaren ao ignorado e podrecido apeadoiro onde agardan inquedos o milagre.
Coma un estraño rebulir de gatos brancos –así lle pareceu ao neno–, correu lonxe, por riba dun piñeiral, unha fumarada, e un primeiro asubío foise perder nalgunha erma penedía. Outro máis furente foise espetar no ceo. E outro, imperioso e longo, axiña denunciou, co tremer da terra, a veciñanza do Non Visto. Alí viña xa o tren, unha riola de monstros ben mandados, co alteiro capitán de ferro á fronte! Medraba, medraba!
Salaios de condenado, cichos brancos, topadas, trasacordos, e deseguida todo ficou en gran silencio diante dos ollos abraiados dun labrego vello e dun neno que aquel día estreara uns zoquiños novos. Foi só un pequeno intre de repouso. Non baixou ningún viaxeiro. Subiron moi á présa nun coche de terceira dúas mulleres atrancadas de cestos, máis torpes canto máis espavorecidas pola présa. O tren parecía sufrir a impertinencia das moitas cortesías cando se está apurado. E fuxiu de novo, cheo de indiferenza, como para non se lembrar máis do pobre apeadoiro apodrecido.
O neto fala moito. Como corría o tren! E non levaba cabalos. E había un neno coma el que asomara pola ventaíña. Un neno ben vestido, de cara fina, que tiña nos ollos esa expresión dos ricos nenos das cidades, que andan en tren e viven en casas moi altas. Aquel neno non se asombraba de ir en tren. Que secreta finura había naquela indiferenza! E tamén ía unha señorita cunha teíña liviá coma as que fan as arañas, cubrindo a face... Unha teíña morada.
O vello fala pouco. Vai satisfeito pero un tanto tristeiro. Naquel mundo que lostregara un intre diante del, abesullaba moitas cousas endexamais presentidas alá nas altas toxeiras. Había máis mundos ca o seu. Mundos embruxados, ledos e tentadores. Mais el, xa, malpocado...
De súpeto o rapaciño dixo:
–Eu cando medre tamén hei de andar en tren. As engurras do vello teceron unha sombriza tristura.
O rexo carro de bois volvía rinchando, xemendo e dando tombos para a aldea de nome bravo e silvestre perdida entre calados cumios.
RAFAEL DIESTE (Adaptación)
Traballaremos algunha das actividades que fan referencia ó conto que están incorporadas neste PDF que preparara María Blanco.
No ano 1995 con motivo do Día da Letras Galegas fíxose, nun vídeo, unha recreación deste conto. Despois de velo na clase, traballaremos as seguintes actividades:
- Comenta os distintos aspectos da vida e cultura popular que aparecen recollidos no vídeo. Fíxate de forma especial na vivenda, nos útiles de traballo, nos animais domésticos, no vestiario. Haberá aínda hoxe en Galicia mulleres, homes e nenos que vistan do mesmo xeito ca no vídeo? E cregos? Que leva na cabeza e nas mans o crego que aparece no vídeo?
- Observa polo miúdo a secuencia da lareira para logo describila ti. Contrasta esa lareira coas cociñas actuais.
- Comenta e valora a ambientación, o vestiario, a interpretación, a música, o texto e a imaxe.
- Cantos personaxes aparecen na curta? Quen son? Que características teñen?
- A onde se dirixe a familia protagonista? Como é o camiño que teñen que percorrer? Como é o lugar a onde chegan?
- En que tempo e en que lugar pensas que está ambientada a historia e en que te baseas para afirmalo?
- Coinciden en todo momento imaxe e texto? É unha historia lineal?
- Onde foi rodada a curtametraxe?
Cando existía Flocos, tamén podiamos ver O DESEXO, unha curta de Miguel Castelo baseada no relato de Dieste. Nós podemos vela porque a conservamos gravada. De poder facelo, proporanse actividades e relacionarase o relato coa adaptación cinematográfica do mesmo.
Podedes consultar a Wikipedia para ampliar coñecementos sobre Rafael Dieste.
Tamén podedes ler outro conto do mesmo libro, O neno suicida, no blog da biblioteca IES Cacheiras.
Podedes consultar a Wikipedia para ampliar coñecementos sobre Rafael Dieste.
Tamén podedes ler outro conto do mesmo libro, O neno suicida, no blog da biblioteca IES Cacheiras.
No hay comentarios:
Publicar un comentario