O día un de decembro fánselle homenaxes a Blanco Amor en Ourense por ser ese o día do seu falecemento. Pola mañá adoita haber unha ofrenda floral no Cemiterio de San Francisco e pola tarde as homenaxes trasladábanse á Praza do Bispo Cesáreo onde está a escultura de Blanco Amor.
Este ano mantense a ofrenda floral no Cemiterio e pola tarde os que estamos asistindo ó curso "A marxinalidade na cultura: a homosexualidade" poderemos escoitar a Luís González Tosar falando da Ars Amandi de Eduardo Blanco Amor.
Este ano mantense a ofrenda floral no Cemiterio e pola tarde os que estamos asistindo ó curso "A marxinalidade na cultura: a homosexualidade" poderemos escoitar a Luís González Tosar falando da Ars Amandi de Eduardo Blanco Amor.
A miña homenaxe particular neste blog vai consistir en deixarvos aquí o poema que o poeta ourensán Víctor Campio Pereira lle dedicou a Blanco Amor no seu pasamento.
A BLANCO-AMOR
-No seu pasamento-
I
Fúcheste coas camelias. Era Vigo.
delta do río dos teus pasos. Era
Vigo, un naufraxio. Todo se perdera:
luces e voces, azucena e trigo.
E na alta noite xa sen ti -¡contigo!-
finxía a lúa un caravel de cera.
Finara a voz, a luz enmudecera.
Todo na noite se perdera, amigo!
Fúcheste coas camelias. Voltarías
ás túas illas de coral e nardo
por un mar carmesí, de amor ileso.
Voltarías ás illas e verías
-ingrávido de luces, Eduardo!-
xente ó lonxe agardando o teu regreso.
II
Xente ó lonxe agardando o teu regreso
verías se voltaras, e verías
-no difuso anagrama dos teus días-
bandeiras de dolor en retroceso.
Atizaras no verso o lume aceso,
na palabra agacharas ferventías
e ceibaras o canto: ceibarías
un xílgaro de vento na luz preso.
Se voltaras, Eduardo, se voltaras
ó teu cerco de lumes onde ardías,
con rumbo a túa estrela navegaras
sen o clamor da rosa por castigo.
Pero xa estás no alén das ardentías,
a soas cos teus soños e contigo!
O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006.
Víctor Campio Pereira.
Cando no curso pasado fixemos a exposición Poesía e natureza, incorporamos un anaquiño do poema que ía acompañado dunha fotografía feita no noso Instituto. Véde a páxina 21 do primeiro calaméo.
Lede e vede algo sobre a homenaxe que se lle fixo a Blanco Amor no Cemiterio de San Francisco. Alí estiveron alumnos de segundo de Bacharelato acompañados por Soedade.
Cando preparabamos a exposición gustounos o poema. Agora que o volvo ler estou segura de que acertamos na escolla. Bicos.
ResponderEliminarCando seleccionamos os poemas para a exposición eran moitos os que tiñamos na cabeza; agora é só este o que lemos, e disfrutámolo máis.
ResponderEliminarÓ coller o libro de Víctor Campio para copiar este poema,lin outros e non me arrepinto.
Presentou unha antoloxía o mes pasado, foi pena non asistir.
Grazas, Marisa, polos teus comentarios.