24.11.11

A RODELA

Na entrada de Un cesto cheo de poesía preguntábavos que levaba a muller na cabeza para que non lle mancase o cesto; conseguimos varios nomes: rodela, rolla, mulido, rosca e rodilla ( esta última non aparece rexistrada en ningún dos dicionarios de galego que consultei e si no da RAE, na cuarta acepción, co mesmo significado que ten en galego)
vv
Se o consultamos nos dicionarios podemos engadir mulida, molido ou molida. Vede a explicación de rolla no Dicionario da RAG e de rodela no Dicionario de Dicionarios. No Gran Dicionario Xerais da Lingua tamén aparece rodelo como palabra non estándar e remite a rodela.

Na exposición de fotografía de Ruth Matilda Anderson que podemos ver en Ourense ata o día 8 de Xaneiro, hai moitas mulleres con carga á cabeza e con rodelas. Veremolas todas cando visitemos a exposición no mes de decembro. Déixovos unha mostra. Se a moza da fotografía non levase a rodela, mancaríanlle moito as leiteiras. As mulleres que adoitaban levar pesos na cabeza, se levaban rodelas, eran capaces de manter as cargas sen agarralas; fixádevos na segunda fotografía.





Na miña zona usouse rolla pero hoxe utílizase rodilla. Chámaselle rodela ó utensilio co que se mazaba o leite. Na fotografía que está a continuación é a que está diante da pucheira, a roda e o mango; a peza movible é a cunca que se pon na boca da pucheira. Védela mellor nunha das fotografías da exposición etnográfica que organizou o Departamento de Lingua Galega e Literatura en maio do 2007, na páxina cinco.




Tamén lle chamamos, debería dicir chamabámoslle, pois hoxe non se usa, fulleiro ou mulido ó soporte  no que se levaba o culeiro, un cesto grande no que se transportaban as uvas; é o que suxeita coa cabeza o neno da fotografía que está na exposición de Ruth Matilda Anderson.


5 comentarios:

  1. Aínda me acordo de cando era unha nena e as mulleres lavaban a roupa no lavadoiro da "Fonte da Abadía". Encantábame ir coa miña nai para oír as conversas e parecíame un milagre como volvía algunha para casa coa rodela e o cubo na cabeza, as mans na cintura e camiñando moi dereitiña.
    Grazas Marina por facerme lembrar.

    ResponderEliminar
  2. Grazas a ti, Aurora. Sen as túas explicacións, tanto no curso como no teu blog Profesblanco, nada disto existiría.

    ResponderEliminar
  3. Eu tamén as lembro, as miñas viñan da "burga", hoxe desaparecida pola moda do termalismo. Tanta era a miña admiración por elas, que de nena xogaba a imitalas, ata que aprendín.

    ResponderEliminar
  4. Á molida era tamén unha maneira de xunguir, cunha especie de rodela de coiro que se puña arredor dos cornos.

    ResponderEliminar
  5. Grazas, Marisa, polo dobre comentario.
    As túas veciñas tiñan sorte, seguro que lavaban en auga quentiña.
    Na miña zona o xugo non era de molida, era de cancís; os animais exercían a tracción co pescozo.

    ResponderEliminar