19.11.11

DOUS ANAQUIÑOS DA INTERVENCIÓN. TERESA MOURE

Coñecín a Teresa Moure en maio de 2010 cando presentou A intervención na Feira do Libro de Ourense. Asinoume a obra así:"unha historia de arte e revolucionarios que agarda conmoverte". Conmoveume e disfrutei con ela.

Pasou xa ano e medio desde que fixen a lectura desta obra e aínda lembro que me gustou o multiperspectivismo, a creación de personaxes individualizados, pouco convencionais e moi sós, aínda que se fagan compañía uns ós outros. Gustoume tamén a denuncia intencionada que se aprecia nas páxinas. A autora fai crible, moi crible, a intervención.

Xa dixen, noutra ocasión, que houbo moitos anacos na novela que me fixeron pensar no realismo máxico, en xeral, e na literatura de García Márquez, en particular.


Sigo lembrando dous anaquiños da obra, que vou copiar aquí; O primeiro é o que presenta a Sor Aurora embriagada polo aroma do xardín botánico e desexosa de pecar. (páxina 21)

"Dubido cando me din que ese xardín botánico foi a orixe de todas as desgrazas que viñeron despois, que quen entraba alí ficaba cativo desa paixón vexetal, que o aroma era tan embriagador que non permitía concentrarse en actividade ningunha, que mesmo Sor Aurora, a irmá do pretendente de Pamela Balseiro, que se achegou un día para amañar o matrimonio, unha vez conducida á horta comezou a sentir unha sensación de quentura e unha humidade tan pesada que decidiu aliviar tirando a touca ...e logo os zapatos, e as medias, e o mandil, e o hábito e acabou por saír en coiro e dando alaridos con tantas ganas de pecar que non lle deron pasado na vida enteira.

O segundo recolle a acción artística que levan a cabo cando morre Sampaio: o traslado do cadáver á mina para marcar a súa silueta na terra, co fin de rodeala de velas acesas e bulbos e, tras a incineración, esparexer alí as cinsas. Unha boa forma de inmortalizalo, non? ( Páxinas 277-278)

"Trasladamos o corpo de Sampaio desde a cama até a mina e marcamos a súa silueta na terra, que debuxamos moi ben, antes de que a funeraria o levase a incinerar... Ingrid e mais eu rodeamos o perfil con velas acesas. Clara, que non choraba como eu imaxine, ía cunha ferramenta pequeniña, cuxo nome descoñezo, facendo buratos arredor e en cada un metía un bulbo. A continuación, Ingrid espallou as súas cinsas, que alimentarán o nacemento das flores. Esta acción, entre a arte e a vida, o natural e o artificio, é a última que faremos. A continuidade que procuraba Antón xa non ten sentido. Cómpre recoñecer que Sampaio foi o único de todos nós capaz de usar o propio corpo como material artístico e de supeditar a súa existencia, xa acabada, á experiencia ancestral facéndose parte da mina: un auténtico artista. Descanse en paz.


3 comentarios:

  1. O poder afrodisíaco dos aromas florais fanme recordar por un lado a Gertrudis de "Como agua para chocolate" e por outro a novicia doña Inés do Don Juan que terminan por perder toda contención sexual. Bueno, en realidade Gertrudis fuxe co revolucionario mexicano pola quentura que lle producen as rosas e a "caída" da monxa Inés é pola parola enfeitizante de don Juan. Grazas Marina, unha vez máis pola túa ofrenda literaria. Avelina

    ResponderEliminar
  2. Este comentario ha sido eliminado por el autor.

    ResponderEliminar
  3. Non quería eliminar o comentario que ía dirixido a ti, Avelina; algo fixen mal. Quería darche as grazas e dicirche que o teu comentario enriquece a entrada e ademais lévame a min a ler a novela de Laura Esquivel.

    ResponderEliminar