28.12.11

VALENTÍN PAZ ANDRADE. CASTELAO NA LUZ E NA SOMBRA

No mes de xuño os xornais recollían a noticia de que a RAG elixira o escritor, político e xornalista Valentín Paz Andrade para o Día das letras galegas 2012. Deixeivos información desa nova e tamén un poema da obra Pranto matricial que estaba publicado en Literalingua. 

Hoxe vouvos deixar un texto que pertence á obra Castelao na luz e na sombra. Parecíanme adecuados varios, pero, ó final, seleccionei o titulado Redescubrimento dun povo e o seu drama, referido ó álbum Nós:


O mesmo na primeira como na segunda xeira -a itinerante e a sedentaria-, o album "Nós" foi moito mais que un evento do arte. Foi o redescobrimento de un povo, que leva o drama do seu vivir as costas. Foi unha campanada, a mais forte e a mais fonda, que se deu na conciencia colectiva. A que desde seculos andaba esquecida de si mesma. Foi un estremecimento social que viría destiñado a soerguer o espirito de Galiza. 
(...)
De primeiras, nas follas do album surxe e resurxe a imaxen anatómica da nosa xente. Endexamais o rasgo fora tan sobrio, nin tan verdadeiro. As figuras, seu modelado, seu xesto, a sua sorna...veñen arrincados da canteira racial. Mais con tal autenticidade que non poderían interpretar a fisonomía de ningún outro povo. Arrincóu a humanidade os "specimes" mais definidos. A persoalidade somática do noso povo endexamais adequerira no linguaxe das formas artisticas unha figuración tan verdadeira.

E, ao mmesmo tempo, tan transcendida pol-os estados do espirito. Pol-o sentimento, pol-a carraxe, pol-a rebeldia, pol-o humor... De tal xeito que a obra pudera tamben valorarse como antolóxica da psicoloxia do noso pobo. Ao pé de cada dibuxo, as figuras dictan a súa sentencia. O xesto e a palabra resultan envoltos na mesma onda de intimidade. Algo que denantes de Castelao ninguén tiña reflexado con verísmo tan sinxelo, nin con caracterización tan expresiva e xusta, nin con estilización tan ennobrecida.  

O movimento da Renacencia cultural que arrinca dos Precursores, acadóu nas follas de "Nós" unha das mais outas cimas. Por enriba dos valores artisticos -que non se poderian mellorar- a obra constitue un documento social estrelecente. O home galego, o seu entorno vivencial, o xenio rural e mariñeiro...endexamais deran inspiración a trasuntos tan expresivos. E, ao mesmo tempo, tan rezumantes de autenticidade. 
(...)

Verdadeiro libro de cabeceira para as vixilias e os ensonos de un pais que sinte a obriga de rectificar a historia e resgatar o seu destiño. (...)

Castelao na luz e na sombra , Valentín Paz - Andrade. Ediciós do Castro, 1982

Non se adaptou o texto ó galego actual. Copiouse tal e como aparece na edición do 1982. Vós, os meus alumnos, habédesme axudar cos acentos, as contraccións, o uso do artigo co posesivo, o xénero, o uso de b e v .

Se premedes na ligazón "álbum Nós", podedes ver os debuxos e os textos de Castelao. Aquí tedes unha mostra:  




- O escolante díxonos que o mundo é redondo. ¿Ti créelo?

Vede a presentación "VALENTÍN PAZ ANDRADE FALA DA SÚA OBRA" en Revolta da Freixa.


2 comentarios:

  1. Excelente escolla. Roubarémosche, coma outras veces, este texto.

    ResponderEliminar
  2. Non é roubar, é compartir. Todo isto ten sentido se serve para alguén. Oxalá o utilice máis xente.

    ResponderEliminar