9.2.12

O ANO DE CELSO EMILIO FERREIRO.

Se o 2011 foi o ano de Cunqueiro, o 2012 é o ano de Celso Emilio Ferreiro. Hai programadas moitas actividades que queren pór de manifesto "a vixencia dunha figura imprescindible para a literatura galega." Nós tamén habemos de facer algunhas.

Chamoume a atención o proxecto Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro; consiste no reparto de poemas do autor nas caixas de correo das rúas das vilas e cidades de Galicia que levan o nome do escritor. En Ourense serán moitos os veciños que os recibirán porque a rúa existe.

Ós alumnos que no curso pasado fotografaron as placas das rúas da nosa cidade con nome de escritores gustaralles esa iniciativa. Vede as placas da rúa, colocadas seguramente en distintos momentos:



Non sei cales van ser os poemas de Celso Emilio que se van repartir; eu vou deixar aquí algúns, podían ser outros moitos:

PRÁ MOCEDADE

Tendes que alcender un facho
de baril inconformismo.
Non, non, diredes decote
aos profesores de mitos
que queren de contrabando
pasar falsos paradisos.

Non, non, diredes arreo
aos que van no seu machiño
cabalgando moi contentos
entre nubes de outimismo.

Non, non, debedes decir
aos que minten por oficio.
A verdá, soio a verdá
da terra na que vivimos,
labrada en berros de lume,
nascida en berce cativo.
A verdá, soio a verdá
da terra na que nacimos.

Viaxe ao país dos ananos.

MONÓLOGO DO VELLO TRABALLADOR

Agora tomo o sol. Pero até agora
traballéi cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastéi o tempo co xornal dos sábados,
pasóu a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estóu vello.
Ben pensado o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.

Mentras o tomo, espero.

Longa noite de pedra.
 
IRMÁUS

Camiñan ao meu rente moitos homes.
Non os coñezo. Sonme estranos.
Pero tí, que te alcontras alá lonxe,
máis alá dos desertos e dos lagos,
máis alá das sabanas e das illas,
coma un irmáu che falo.
Si é túa a miña noite,
si choran os meus ollos o teu pranto,
si os nosos berros son igoales,
coma un irmáu che falo.
Anque as nosas palabras sean distintas,
e ti negro i eu branco,
si temos semellantes as feridas,
coma un irmáu che falo.
Por enriba de tódalas fronteiras,
por enriba de muros e valados,
si os nosos soños son igoales,
coma un irmáu che falo.
Común temos a patria,
común a loita, ambos.
A miña mau che dou,
coma un irmáu che falo.

Longa noite de pedra. 

Podedes ler poemas do autor na BVG e en Son de poetas, nesta última antoloxía os poemas están musicados. Máis información nesta ligazón.

Cando rematemos a selección de poemas de Celso Emilio que estamos facendo os profesores de lingua galega e literatura, xa vola daremos para que a poidades utilizar. Se a nosa selección non se adaptase ó que vós queredes facer, ou ó que os profesores vos propoñamos, poderedes utilizar outros poemas. Hai varias obras do autor na Biblioteca do Instituto. Algúns xa me falastes de recitais e de musicar poemas. Ide lendo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario