1.5.12

DELETREADO FRENTE AO MAR. CELSO EMILIO FERREIRO

Seguramente pensastes que o título está mal, que tiña que poñer Deitado frente ao mar. Pois non.

Deletreado frente ao mar é o título do poema de Celso Emilio despois de aplicarlle o xogo V+5. Non vou contarvos máis, fíxoo moi ben Marisa no seu blog MARÉS A DESHORA.




Lede a entrada V+5 A+3 e veredes o que fixeron os trasnos co poema. Seguide pendentes dese blog, iranse publicando nel máis traballos que son o resultado do Obradoiro de escrita de 2º ESO.

Lembrade o Poema de Celso Emilio:




DEITADO FRENTE AO MAR

Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...


1 comentario:

  1. Grazas por difundir os nosos traballos de aula, aínda que son só iso.

    ResponderEliminar