Comezamos un novo curso e quero darvos a benvida a todos aqueles alumnos que nunca paseastes por este meu camiño. Nel atoparedes algúns complementos para as actividades de clase.
Vou deixarvos dúas fotografías, unha feita no interior e outra na costa. Este é o meu modo particular de festexar o inicio de curso.
Pero o traballo ten que iniciarse, e vou facelo cun texto de Suso de Toro:
NADA POLA MAÑÁ
Quedara durmido. Guindou as mantas dun golpe e saíu disparado da cama. Menos dez. Vestiuse lixeiro, só tiña tempo de lavar a cara. Non é que tivese moita clientela polo de agora, pero se empezaba así, ía perdela toda. Mollou a cara e limpouse na toalla sucia, pasou lixeiro un cepillo polo pelo. Merda de vida. Papou un iogur de pé e guindou o vasiño de plástico no lixo, que caía por fóra. Pasoulle unha ollada á cociña, tiña que facer limpeza un día destes. Xa habería tres meses que o deixara Rosa. Puxo a bufanda e o chaquetón azul e abriu a porta .
Ficou parado e coa boca aberta. Non había paredes nin escaleira nin nada. Só a nada. ¿Sería a Nada? Saíu pechando a porta.
ACTIVIDADES:
- Imaxina cal pode ser a profesión do protagonista. Levará moito tempo traballando?
- En que estación do ano se desenvolve a acción? Xustifica a resposta.
- Como imaxinas que é a vida do protagonista nos últimos meses?
- Como entendes o final deste texto?
No hay comentarios:
Publicar un comentario