30.11.13

A MEMORIA DA CHOIVA. PEDRO FEIJOO





Este exemplar de A memoria da choiva de Pedro Feijoo viaxou comigo a Santiago para ser entregado a unha fiel seguidora da obra deste autor. Non puido quedar con ela porque xa se me adiantara e xa compara a novela.

Volveu comigo e acompañoume ó longo desta semana. Cada vez que lle podía dedicar tempo, corría a lelo. Bo sinal, non credes? Agardábanme, dentro del, Sofía, Aquiles, Adriano, a vida e a obra de Rosalía, moita ansia de vinganza, moitos crimes e moita violencia, moito odio e algo de amor...

Toda unha "composición de sangue e poesía" que ás veces me facía pensar en Blanco Amor e A esmorga (sobre todo o principio, e a chuvia), en Suso de Toro e o seu estilo; e o Aquiles bébedo fíxome pensar no profesor, protagonista do Monólogo de Vento ferido de Casares. De Rosalía xa non falo porque é unha personaxe máis desta historia.

Pedro Feijoo afirma que o seu traballo ten un único obxectivo: entreter o lector. Abofé que o consegue! Pero, cando rematas esta novela, levas contigo máis ca entretemento.

Lede un anaquiño:

U-las respostas? As torres altas da catedral recortábanse sobre o campo negro que a noite era. Indiferentes á miña ollada, elas abaneábanse tranquilas, vimes no vento baixo as estrelas. As torres do Obradoiro, a das Praterías, a do Tesouro... Ningunha daba resposta, ocupadas como estaban en danzar coa noite ao son dunha música que eu non era quen de comprender. Un ruxerruxe de voces entregadas ao recital dun rosario de versos suspendidos en silencio sobre a cidade. Aqueles versos de Rosalía que a min me escorrían entre os dedos, e que Adriano interpretaba noutra clave, unha chea de acordes que ninguén máis ca el coñecía. A cidade, Adriano, Rosalía, todos eran parte dunha mesma composición, unha de sangue e poesía. Unha canción triste de melodía amarga que todas as pedras da cidade cantaban en silencio, os seus ollos cegos postos no máis escuro dos firmamentos.

Saltei as cancelas ao final do paseo e seguín camiñando contra a volta do parque. Ao pé das escaleiras de Santa Susana torcín á dereita, cara o miradoiro sobre o campus da universidade, e fun sentar nun banco á beira do monumento que se erguía no centro do camiño. Alí, aos pés da súa estatua, aínda quedamos observándonos en silencio unha chea de tempo. Sentados os dous, eu botado para adiante, os cóbados apoiados sobre as pernas. E, alá enriba, Rosalía, sentada na súa cadeira de pedra, a cabeza apoiada sobre a man dereita, e dúas guedelas de cabelo a caer sobre o xesto resignado da cara. Coa mirada perdida no chan de flores aos seus pés, tamén os ollos da poeta parecían dicir" pois fillo, eu tampouco che sei...".( páxinas 382, 383)



Foto de José Francisco Alfaya

Recensión crítica de Manuel Rodríguez Alonso.

2 comentarios:

  1. Ten unha forma moi bonita de ver as cousas, de describilas, na miña opinión. A estatua e preciosa, non a vira antes.

    ResponderEliminar
  2. Ana, xa non te teño como alumna e segues visitando este blog. Grazas.
    Cando vaias a Santiago e pasees pola Alameda, poderás ver este monumento.

    ResponderEliminar