20.1.16

XOSÉ NEIRA VILAS. ROMARÍA DE HISTORIAS ( I )



Imaxe da cuberta
Luís Seoane. A sega, 1954

Romaría de historias é o libro póstumo de Xosé Neira Vilas.  El mismo o define como unha novela feita de retrincos. Dinos que non se trata dunha vida, senón de moitas vidas, non é unha situación, senón múltiples situacións.

Tamén afirma: "Neste novo libro vai unha imaxe colectiva do noso mundo aldeán, dabondo descoñecido; unha visión panorámica dese mundo. Na narración latexan, rebolen, gurgullan personaxes e aconteceres das aldeas galegas ó longo de moitos anos. Son aldeas de onte e de hoxe". 

Realmente son historias de onte e de hoxe. Aínda que dominan as do pasado, hai varias que reflicten problemas de moita actualidade. Vede dous exemplos:

-A xente vaise fóra...
-Non hai traballo aquí para todos.
-Antes íanse campesiños analfabetos. Era unha perda para o país. Agora a perda é maior. Vanse universitarios. (páx. 34)

-A Constitución di que cada cidadán ten dereito a unha vivenda, pero...
- É un principio xusto, máis na realidade non sempre se dá.
 -Pois non. Subscríbense hipotecas cos bancos e, se o que comprou a casa non pode pagar, bótano dela. Resulta moi triste ver unha velliña ou un neno sentados na porta, nunha vella maleta, mentres rematan os trámites de expulsión ou desafiuzamento. (páx.62)

Nas hitorias deste libro, todas elas moi breves e independentes, aparecen nenos, mozos, vellos, meigas, tolos, emigrantes, fuxidos, eivados, aparecidos, animais... e moitos temas recorrentes na obra do autor: a relixiosidade, a lingua, a morte, o suicidio, a desigualdade e, sobre todo, moita pobreza e moita soidade.  

Outras historias para que vos animedes a lelo:

HABÍA TEMPO QUE VIÑERA de non se sabe onde. Non se lle coñecía nome nin alcume herdado.Todos lle chamaban o Tolo. E poida que o fose. El nada negaba, nada apoñía. Andaba ó xornal para quen o  chamase. Falaba co alcipreste do atrio, e coa cerdeira resinosa onde se poñían os avisos municipais. Nese falar había críticas ás autoridades, ós gardas, ó cura. Falaba tamén cunha vaca que sempre estaba atada a un carballo e que pacía derredor. Contáballe de todo e criticaba o alcalde, o goberno provincial, o xefe do estado. Dicía o que todos os veciños pensaban e ninguén se atrevía, pero, como era o tolo... Dicía que o mundo é un formigueiro de explotados; que os ricos se fartan e os pobres langrean; que cumpría rebelarse e que non tardaría en producirse unha revolta social. (Páx.15)

O TREN PASABA a pouca distancia da aldea onde ela moraba. Ela ía gurrando coa vida como mellor podía. Morréralle o home. Non tiveran fillos. Pobreza e soidade xuntas eran malas de levar. Aquela mañá non puido máis. Botoulle algo de comer ás galiñas e ó porquiño que roñaba no cortello. E saíu. Despediuse dos animais e das poucas cousas que había na casa; detívose un anaco diante da fotografía dos pais. Abriu a porta e foise. Ía chorosa. Chegou ás vías do tren. Choutou sobre a cerca de arames. Sentou. Cavilou moito, pero xa non puido recuar naquela tráxica decisión. Cando o monstro de ferro estaba chegando guindouse na vía. Renxeron os freos pero era tarde. A noticia espallouse deseguida. (Páxs.114-15)

Hai dúas historias neste libro que me recordaron contos de XENTE NO RODICIO. Noutra entrada falareivos diso.

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario